Ozona, galardoada por Citrix en Las Vegas

venres, 30 de xaneiro do 2015 Redacción

Ozona Tecnoloxía, compañía de raizame galega especialista en servizos de virtualización e de computación na nube, vén de ser galardoada por Citrix como socia referencial da área de Europa occidental (parter Western Europe) no seu labor de creación de novo negocio durante o ano que vimos de deixar atrás. Este premio, sinalan os responsábeis de Ozona, recoñece o traballo que a compañía vén desenvolvendo nos últimos anos xerando novos proxectos e liderando a tecnoloxía.
Como lembraremos, Citrix é unha compañía internacional centrada en solucións de virtualización, con máis de 260.000 clientes e uns 100 millóns de usuarios. Os seus servizos teñen aplicación para todos os elos da cadea de xestión e produción empresarial, e son referencias arestora no ámbito da computación na nube.
Pola súa parte, Ozona é unha empresa de raizame galega, con sede en Compostela, que achega as súas solucións a boa parte dos clientes máis importantes do devandito fabricante, principalmente a nivel nacional. Asemade, é membro actual na categoría Gold da rede de socios da multinacional, para a que tamén desenvolve grandes proxectos de implantación de tecnoloxías alén das nosas fronteiras. Con 75 empregados, a súa facturación en 2014 foi de 9 millóns de euros e ten oficinas en Santiago, Madrid, Barcelona e Lisboa.
Sinalar por último que o devandito recoñecemento a Ozona fíxose público hai uns días no Citrix Summit, evento anual de socios do fabricante desenvolvido na cidade de Las Vegas, Estados Unidos. O galardón foi entregado a Marcos Paredes, socio director de Ozona, de mans de Luca Marinelli, vicepresidente de ventas e estratexia de canle.

PUBLICIDADE