A IA foi un dos eixes do Foro de Loxística de APD, no que participaron máis de 80 profesionais

martes, 7 de maio do 2024 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD), en colaboración co Porto da Coruña, Expense Reduction Analysts e a Agrupación Industrial da Función Loxística de Galicia celebraron na Coruña, este martes 7 de maio, a terceira edición do Foro de Loxística e Cadea de Subministración. Un dos piares básicos de debate foi a cuestión tecnolóxica: como as novas ferramentas da Intelixencia Artificial (IA) poden contribuír a garantir un transporte máis sustentábel, eficiente, rendíbel, ordenado e seguro.
Tamén se puxo o foco na contorna xeopolítica internacional, na descarbonización e no impacto da rendibilidade na cadea de subministro e o negocio.
O acto de apertura realizouno Ana Sánchez, directora da zona noroeste de APD, Christina Martínez, vicepresidenta da Agrupación Industrial da Función Loxística de Galicia e Martín Fernández, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña. A directora de APD remarcou que este foro consolídase na súa terceira edición como un “punto de encontro referencial para as empresas galegas” e que engloba especialmente ben a misión de “coñecemento compartido e networking” da Asociación.
Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria destacou a importancia de foros empresariais que traten temáticas tan relevantes para as empresas galegas, e incidiu en que o triunfo da cadea de subministro e da loxística é froito do traballo en equipo, destacando que en abril a Autoridade Portuaria conseguiu “o seu mellor dato histórico”, alcanzando os 1,56 millóns de toneladas transportadas.
A vicepresidenta da agrupación industrial recoñeceu o labor de APD coa realización deste foro, engadindo ademais o papel da agrupación industrial como vertebrador entre empresas, “conscientes de que a loxística é unha panca crave da competitividade”.
Trala apertura, comezaron as diferentes intervencións. Para analizar o impacto da contorna xeopolítica na cadea de subministro, Marco Enrique Nieto, director de seguimento de crédito en Abanca concluíu que “as cadeas mostraron a súa resiliencia ante as inxerencias externas”; pero que non se pode obviar o claro impacto que as condicións ambientais e contextuais realizan nas empresas; destacando que un “26% das compañías españolas declararon atopar complicacións na súa cadea de subministro polas condicións loxísticas da Canle de Suez”.
Pola súa banda Sara Hernández, xestora sénior de Deloitte, presentou as tendencias e dinámicas de transporte e loxística de mercadorías, destacando que en España “están a impoñerse roteiros de transporte que se consideraban menores” coa sustentabilidade como eixe transversal para todas as transformacións ao redor da área loxística: especialización, novas oportunidades de mercado, protagonismo do corredor atlántico...
Para analizar o impacto da tecnoloxía na cadea de subministración, Alfredo Ramos, membro comité de dirección da Agrupación Industrial TIC Galicia e director da operadora galega R, Alfonso Barreiro, director de loxística e inventario de Televés, Pablo Sánchez, técnico de proxectos 4.0 de FINSA, Roque González, do departamento comercial e trading de Grupo Nogar conversaron nunha interesante mesa redonda onde apuntaron que a incursión da “Intelixencia Artificial nas empresas é algo inevitael”, pero coinciden en que “falta man de obra especializada” e “máis recursos destinados á área de ciberseguridade”. Dentro da área loxística, as empresas participantes destacaron a necesidade de mellorar a súa produtividade e adaptarse aos novos drivers da contorna.
Outro dos temas abordados no encontro, moi enlazado ás novas tecnoloxías da mesa anterior, foi a descarbonización e a loxística sostíbel. Irene Souto, xefa do departamento de desenvolvemento portuario e de negocio da Autoridade Portuaria da Coruña moderou esta mesa na que participaron Emiliano Barelli, director de sustentabilidade de Hijos de Rivera, Francis Míguez, responsábel de loxística da empresa boirense JEALSA, Víctor Lorenzo director STI de Grupo Cuevas. Desta conversa xurdiron temas tales como a importancia de contar “cos medios necesarios para medir de maneira eficiente as emisións das empresas”; para saber onde debe empezar a descarbonización. Os relatores tamén demandaron a necesidade de contar con máis facilidades para contar con transportes eléctricos, onde destacaron a “falta de puntos de recarga en Galicia”.
Para finalizar o encontro, Luis Valero, senior partner de ERA conversou con Carlos Martínez, director executivo (CEO) de EINSA e Miguel López, CFO de Grupo Internaco sobre o impacto da loxística na rendibilidade da empresa; destacando o protagonismo do contexto de incerteza, que está a cambiar ”as tendencias de provedores externos”, provocando que a rendibilidade loxística non sexa só o custo do transporte, se non tamén o custo de calidade, de investimento, financeiro, sostíbel e tecnolóxico.

PUBLICIDADE