Outlook pre-estrea aplicación para Android

xoves, 12 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Hai preto dun ano o Outlook de Microsoft chegou a iOS a través dunha aplicación cunha estética máis propia de Windows Phone, e agora repiten a xogada con dispositivos con Android, aínda que non para todos, xa que OWA (Outlook Web App) para Android pre-estréase dispoñible só para uns poucos terminais con Android 4.4 ou superior e para usuarios da versión corporativa de Office 365, limitacións que chegan en boa medida porque estamos ante unha versión de proba, que busca probarse en dispositivo con pantallas de tamaño cativo ou normal, xa que a aplicación non está adaptada aínda para tablets.
A nova ferramenta abre o acceso dende Android aos servizos de Outlook (correo electrónico antes coñecido como Hotmail), Xente (contactos) e Calendario (axenda), e como interesante novidade permite a sincronización de contactos co dispositivo, de xeito que cando actualicemos a información dunha persoa no teléfono os cambios reflectiranse tamén en OWA.
OWA para Android permite organizar o correo electrónico, buscar entre as nosas mensaxes, integra aplicacións nas mensaxes recibidas (por exemplo, aplicando o servizo de maps de Bing aos enderezos que vexamos), facilita a xestión completa do noso calendario, permite empregar a voz para buscar contactos ou amosar a nosa axenda, mantén seguros os datos de empresa e incluso permite o borrado remoto de datos en caso de perda ou roubo.

PUBLICIDADE