O Outlook de Microsoft chega a iOS a través dunha nova aplicación

martes, 16 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Dende hoxe a Outlook Web App está dispoñible para iPhone

A suite ofimática de Microsoft continúa a avanzar na súa achega aos dispositivos móbiles de Apple, e hoxe estrea a aplicación OWA (Outlook Web App) en versións para iPhone e para iPad, que facilita aos subscritores de Office 365 o uso de numerosas prestacións de Outlook dende smartphone ou o tablet. A nova ferramenta permite organizar o correo electrónico, buscar entre as mensaxes recibidas, programar a axenda, ver calendarios compartidos, buscar contactos... mantendo certas medidas de seguridade precisas en contornos corporativos (permitindo, por exemplo, o borrado remoto dos datos).
Aínda que Windows Phone 8 ofrece numerosas prestacións dirixidas á integrarse no fluxo de traballo con Outlook, para non deixar aos usuarios de iOS de lado dende Microsoft decidiron lanzar aplicacións como esta (ou a de Office para iOS que estrearon hai un mes). Deste xeito os clientes de Microsoft poden manter a súa produtividade en calquera momento e lugar.
Esta nova ferramenta, pese a estar dispoñible para iOS, garda unha estética máis propia de Windows Phone, e aínda que polo momento só está dispoñible para clientes de Office 2013, está previsto que máis adiante poida empregarse por parte de usuarios de clientes de servidores Exchange.

Imaxe da versión para iPad da nova aplicación

PUBLICIDADE