Os estudios galegos MeigaLabs achegan un xogo que nos pon na pel dun alcalde corrupto

martes, 12 de maio do 2015 Fernando Sarasketa

Os estudios galegos MeigaLabs, dos que falamos recentemente para dar conta da súa achega Time Pirates (o seu primeiro xogo para Android), volven á carga para pór á nosa disposición un xogo moi acaido para estas datas de campaña electoral, unha campaña que volve pór de manifesto, coas múltiples e variadas mentiras e disparates dos alcaldábeis, o moito que cómpre mellorar no ámbito das políticas estatal e galega. O xogo en cuestión tamén vai por este vieiro de amosar o que fica oculto (ou ficaba até o de agora), xa dende o título co que se presenta no mercado: Alcalde Corrupto (baseado en feitos reais). Constitúe a segunda proposta de lecer tecnolóxico da nova empresa galega.
"Trátase", comenta Xabier Losada dende MeigaLabs, "dun xogo de tipo clicker no que encarnaremos un rexidor corrupto, sendo o noso obxectivo principal amosar unha fortuna para a nosa conta de Suíza". Poderémolo facer recollendo billetes (cantos máis mellor, claro) ou realizando contratos non moi legais (enchufando parentes, sendo un cacique en toda regra) e tomando "unha gran variedade de decisións". Todas elas, como é de agardar, sempre en beneficio de un mesmo.
Amais do devandito, tamén podemos meternos na pel dun político corrupto para facer cousas como irnos de vacacións (intercambio cultural e de coñecemento) con narcotraficantes, mover marcos das fincas ou sacar extractos da nosa conta en Suíza para compartir e gabarnos da cantidade acubillada.
O xogo achégase para a plataforma Android, é de balde e en vindeiras datas MeigaLabs porá tamén a disposición dos usuarios de trebellos de Apple unha versión iOS.

PUBLICIDADE