O estudo galego MeigaLabs presenta o seu primeiro xogo para Android, Time Pirates

luns, 16 de marzo do 2015 Redacción

Froito da paixón polas novas tecnoloxías e os videoxogos nacía o ano pasado, MeigaLabs, un estudo independente de desenvolvemento de videoxogos creado por tres amigos en Ourense. O primeiro xogo de MeigaLabs é Time Pirates, un deseño que comezaba a tomar forma en agosto de 2014. Do Project Anarchy pasouse a estudar todas as ferramentas que achegaba Havok, obtendo a primeira versión no Nadal de 2014. Logo disto, procuráronse os erros coa axuda dos beta testers até o seu lanzamento, a comezos de 2015.
Cómpre subliñar que con Time Pirates, a equipa de MeigaLabs composta por: Xabier Losada (deseño, modelado, animación), Tonio Tesouro (deseño, físicas, programación) e Javier López (deseño, programación) gañou a cuarta edición dos premios INCUVI_Emprende da Universidade de Vigo.
E indo ao miolo do Time Pirates, estamos perante un xogo casual de destrución de estruturas 3D para Android. No xogo en cuestión o protagonista encarnará a uns piratas que loitan contra os soldados do rei dende o seu barco. Trátase de disparar o canón e derrubar aos soldados ou destruír as construcións nas que están situados. Todo isto nunha contorna 3D con edificios e estruturas que, por enteiro, é posíbel botar abaixo. Ao longo do xogo vaise descubrindo o xeito de viaxar no tempo, coa posibilidade de mudar de época e loitar contra os romanos, entre outros. En certos niveis podemos empregar a contorna para provocar unha meirande destrución.
Engadir que Time Pirates é de balde e ten un sistema de marcadores para poder comparar puntuacións entre xogadores e competir, estando dispoñíbel dende agora para a súa descarga en Google Play.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE