Office chegará a Android e iOS a primeiros de 2013

mércores, 7 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Pese a que un dos puntos fortes dos tablets con Windows 8 e Windows RT sexa o contar co paquete ofimático de Microsoft entre as súas aplicacións, iso non quere dicir que a compañía de Redmond poida deixar de lado outras plataformas móbiles, e dende The Verge aseguran ter varias fontes que confirman que o Office chegará a iOS e Android a primeiros de 2013. Office Mobile sería unha aplicación de balde que permitise acceder a documentos de Microsoft Office en mobilidade, para o que precisarían do uso de contas de usuario de Microsoft como actualmente fan as aplicacións de SkyDrive e OneNote.
Os usuarios de balde poderían só visualizar os documentos, mentres que os subscritores de Office 365 poderían contar tamén coa opción de edición dos mesmos. A subscrición de Office 365 estaría dispoñible dende a propia aplicación ou tamén mediante códigos que poderán distribuír entre os usuarios as empresa que teñan contratado o servizo. Ao estarmos a falar de funcións moi básicas de edición, parece que Microsoft estaría a deixar cancha dabondo para que o Office de Windos 8/RT poida seguir gañando terreo entre os usuarios corporativos.

Capturas do Office Mobile publicadas por The Verge

PUBLICIDADE