O2 venderá un novo smartphone de HTC sen cargador de corrente

mércores, 26 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Os cargadores de corrente micro USB deixarán de incluírse cos móbiles para evitar acumular cargadores fóra de uso nos fogares (e o seu impacto medioambiental)

Parece que os compromisos contraídos polos fabricantes e operadores de telefonía móbil ao adoptar como estándar de carga o porto micro USB van camiño de consolidarse, e mentres dispositivos como o Kindle de Amazon xa se remiten aos seus compradores sen o pertinente cargador de corrente (pois pode cargarse directamente a través dun porto USB dun ordenador ou cun dos cargadores que inclúen os móbiles actuais) parece que por fin imos ver a mesma práctica nos móbiles, sendo unha das primeiras compañías en facer tal a filial británica de Telefónica, O2, que antes de rematar o ano comercializará un smartphone de HTC sen cargador.
O operador británico asegura que o 70% dos usuarios que compra un dos 30 millóns de móbiles que se venden anualmente nos EE.UU. xa ten un cargador válido para os novos móbiles, polo que eliminar tal elemento das caixas dos móbiles contribuirá á produción de refugallos electrónicos e reducirá a pegada medioambiental dos nosos móbiles.
Nos vindeiros meses é de agardar que outras compañías sigan os mesmos pasos, no que está a converterse nunha tendencia que vai máis aló dos móbiles, como no mencionado caso do Kindle, e tamén na consola de videoxogos portátil Nintendo 3DS XL (que non inclúe o cargador por entender que os seus compradores xa teñen outro compatible dunha Nintendo DS/DSi).

PUBLICIDADE