Nintendo anuncia a 3DS XL e os seus vindeiros lanzamentos europeos

venres, 22 de xuño do 2012 Marcus Fernández

A pasada noite publicouse unha nova entrega de Nintendo Direct, vídeo no que Satoru Shibata, presidente da división europea de Nintendo anunciou as novidades da compañía para o noso continente nos vindeiros meses, entre as que destaca especialmente o anuncio dunha nova consola portátil, a Nintendo 3DS XL, que chegará ás tendas o 28 de xullo e que contará cun pantalla 3D de 4,18 polgadas (fronte ás 3,02 polgadas do modelo anterior), unhas dimensións de 132 x 74 x 21 milímetros e un peso de 235 gramos, que aproveitará o seu novo tamaño para contar cunha batería máis grande que incrementaría a súa autonomía entre 3 e 4 horas (ata un máximo e 10 horas xogando a títulos da vella DS).
A nova consola virá acompañada dunha tarxeta do dobre de capacidade (4 Gb) para contidos descargables, non contará co segundo mando analóxico dereito segundo apuntaban algúns rumores (de xeito que continuará a ser preciso un accesorio para incorporar tal prestación) e, sorprendentemente, Nintendo decidiu non incluír na caixa da consola o seu adaptador de corrente, por considerar que a meirande parte dos usuarios xa teñen un na casa (é compatible cos cargadores da vella Nintendo DS), de xeito que as consolas de videoxogos seguirían a mesma liña que os teléfonos móbiles: procurar evitar que os cargadores de corrente se convertan nun refugallo cada vez máis habitual. De todos os xeitos, os adaptadores de corrente estarán dispoñibles de xeito independente a un prezo económico. O prezo da consola no Xapón será de 18.900 iens, o que supón un incremento de prezo dun 26%, de xeito que, aínda que non foi confirmado, poderiamos agardar que o seu prezo oficial en España sexa de 199 euros. Inicialmente estará á venda en combinacións de cor prata-negro, vermello-negro e azul-negro.


Vídeo do Nintendo Direct da pasada noite

Calendario de lanzamentos


Shibata aproveitou a ocasión para lembrar varios lanzamentos de xogos para consolas de Nintendo que terán lugar nos vindeiros meses, como Kingdom Hearts 3D: Dream Drop Distance, título para Nintendo 3DS que veremos nas tendas o 20 de xullo, do que xa hai versión de demostración na Nintendo eShop, como tamén acontece con Theatrhythm: Final Fantasy, un xogo de ritmo baseado no universo de Final Fantasy.
O 28 de xullo, acompañando ao lanzamento da Nintendo 3DS XL, teremos New Art Academy, que supón unha evolución do primeiro Art Academy, que foi un auténtico éxito de vendas en Europa. Na mesma data tamén teremos unha edición física de Freaky Farms Deluxe, xogo que tras acumular un importante volume de descargas na eShop mereceu o seu salto ao formato tradicional.
Apostando polo seguro, tamén deron algúns detalles sobre o New Super Mario Bros. 2 que chegará o 17 de agosto para Nintendo 3DS. Entre as novidades do xogo figura o feito de que vai contar con contidos descargables despois do seu lanzamento, tendencia consolidada nas consolas domésticas que Nintendo quere normalizar na súa 3DS.
Para os afeccionados ao fútbol a compañía nipona tamén publicará o xogo para Wii Inazuma Eleven Strikers, despois de que esta franquía arrasase na DS, e que sairá o 28 de setembro á venda.
Como franquías de éxito tamén temos a Pokémon, que no outono terá secuela das súas edicións negra e branca, que estarán dispoñibles para a vella Nintendo DS, para non deixar abandonado o inmenso parque destas consolas (e aproveitando que os seus xogos son compatibles coa 3DS).
Outra saga que non pode faltar nas portátiles de Nintendo é a do Profesor Layton, que por fin chegará á Nintendo 3DS con El Profesor Layton y la máscara de los prodigios, que chegará ás tendas este mesmo ano , estando aínda por determinar a súa data de lanzamento.
En definitiva, que Nintendo ten moitos cartuchos para manter as súas consolas activas nos vindeiros meses.

A Nintendo 3DS XL ten unha pantalla considerablemente maior que a da 3DS

PUBLICIDADE