Os iPhone máis caros foron os móbiles máis vendidos na primeira metade do ano

martes, 29 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Os analistas de Omdia veñen de publicar a listaxe dos 10 smartphones con máis unidades no mercado durante a primeira metade do ano, dando conta dunha caída nas vendas nos móbiles de gama media e baixa, mentres que se incrementa o mercado de móbiles de segunda man. Curiosamente a gama alta non se ve afectada pola recesión económica, e mantén a súa forza, dominando este tipo de dispositivos varios modelos de iPhone, que consegue ocupar os 4 primeiros postos da listaxe, mentres que o único gama alta de Samsung reflectido, o Galaxy S23 Ultra, queda nunha 6ª posición.
Resulta máis que salientable que a metade dos móbiles máis vendidos na primeira metade do ano sexan de Samsung, xa que o ano pasado Xiaomi conseguira facerse con 2 posicións grazas á súa marca económica (Redmi), dando a entender que o fabricante surcoreano soubo mellorar a súa oferta de gama media e baixa para conseguir frear ao fabricante chinés.
Un detalle moi importante da listaxe deste ano é que está dominada polo iPhone 14 Pro Max (con 26,5 millóns de unidades) e o iPhone 14 Pro (21 millóns de unidades), mentres que o iPhone 14 e o iPhone 13 quedan con 16,5 e 15,5 millóns de unidades respectivamente, o que parece ser consecuencia da estratexia de Apple de que as grandes novidades da nova xeración de móbiles chegue só aos modelos Pro e, en consecuencia, aínda que houbo unha caída en número de unidades da familia de móbiles iPhone de cada ano, ao trasladarse as vendas aos modelos máis caros Apple compensaría sobradamente a tendencia baixista do mercado global.

Táboa cos móbiles máis vendidos na primeira metade de 2023 e 2022

PUBLICIDADE