O xogo Puzzle & Dragons terá unha edición con personaxes de Super Mario

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Nalgúns mercados asiáticos o videoxogo móbil Puzzle & Dragons está a converterse nun auténtico fenómeno, e para levar o seu éxito á Nintendo 3DS o seu desenvolvedor, GungHo Entertainment, pensou que sería boa idea xuntar forzas coa propia Nintendo, de aí que decidise licenciar a marca de Super Mario para mesturala con este xogo de quebracabezas, de xeito que o 29 de abril estreará no Xapón Puzzle & Dragons: Super Mario Edition.
Esta nova edición de Puzzle & Dragons replica a mecánica do xogo orixinal, pero presentando un mapa como o de New Super Mario Bros. e os personaxes e inimigos están sacados da franquía de Mario. O que non detallaron é se este xogo venderase ao, ao igual que a versión móbil, ofrecerase de balde para financiarse mediante o modelo free-to-play, que tan ben funciona en iOS e Android, plataformas nas que o xogo orixinal superou os 30 millóns de descargas.
Polo momento só está confirmado o lanzamento de Puzzle & Dragons: Super Mario Edition no Xapón, pero é de agardar que nos vindeiros meses chegue a máis mercados, sendo o máis rechamante deste lanzamento que Nintendo cedese os seus personaxes máis icónicos para títulos que se afastan das súas franquías consolidadas.


Vídeo no que anuncian a nova produción de GungHo Entertainment

PUBLICIDADE