Final Fantasy VII Rebirth estrea demo

mércores, 7 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Square Enix vén de publicar a primeira entrega da demo en dúas parte de Final Fantasy VII Rebirth, que permite aos xogadores vivir o capítulo inicial dun dos títulos máis agardados do ano. A segunda sección xogable estará dispoñible o 21 de febreiro e dará aos xogadores a oportunidade de gozar dun anticipo do vasto mundo dispoñible cando Final Fantasy VII Rebirth chegue a consolas PlayStation 5 o vindeiro día 29.
Esta demo chega despois de que o xogo de Square Enix protagonizase un State of Play no que achegaron numerosos detalles sobre o título, como moitas das súas paisaxes, algúns dos seus minixogos, a confirmación da aparición de certos personaxes e incluso detalles sobre o sistema de combate.
Na demo dispoñible viviremos unha historia que ten lugar 5 anos atrás da trama do xogo, lembrando unha das primeiras misións de Cloud Strife, na que acompañado por Sefirot deberá investigar a aparición de monstros nas montañas preto da aldea natal de Cloud.
Completado este contido haberá que agardar ao día 21 para poder continuar a aventura, e así explorar unha pequena porción do mundo do xogo, concretamente o contorno da cidade portuaria de Junon. Os progresos na demo non poderán trasladarse ao xogo completo.

Tráiler da demo de Final Fantasy VII Rebirth

PUBLICIDADE