O satélite galego XaTcobeo deixa atrás a liña das 180 xornadas en órbita

venres, 10 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

O XaTcobeo, o satélite galego que ten pasado por Código Cero con motivo dos seus últimos detalles antes de iniciar a súa órbita, e tamén despois, xa vén de deixar atrás a liña dos seis meses de actividade por enriba das nosas cabezas. O aparello, deseñado por investigadores da Universidade de Vigo (dende o Campus de Vigo e, tamén, dende o de Campus de Ourense), duplica deste xeito os seus prognósticos de vida útil, logo do seu lanzamento o pasado 13 de febreiro sobre o foguete Vega da Axencia Espacial Europea (ESA). O XaTcobeo foi, deste xeito, alén de calquera expectativa xerada, con 180 xornadas no Espazo e achegando comunicación continuada cos investigadores e os estudantes da estación de control de Vigo. Cousas como por exemplo verificar o bo funcionamento do despregue de paneis solares, levar a cabo os exames relativos á radiación solar e a capacidade do aparello para aturala ou avaliar a resistencia contra treboadas solares e altas temperaturas (como, de feito, tivo que sufrir).
O coordinador do proxecto, Fernando Aguado, en declaracións ao Faro de Vigo, sinala que tódolos integrantes do equipo responsábel do XaTcobeo están moi satisfeitos pola boa marcha do satélite, traxectoria á que non lle afecta en nada o feito de que nas últimas semanas variase a súa posición, dende unha altura de case 1.500 quilómetros aos 1.350, comportamento por outra banda “normal”, segundo explica Aguado. Por certo que non se descarta que o satélite siga funcionando varios meses máis, xa que a súa posición vai mellorando paseniño.
Como dixemos, o XaTcobeo converteuse nunha realidade grazas á contribución da Universidade de Vigo, que, en colaboración co Instituto Nacional Técnica Aeroespacial (INTA), puido desenvolver un proxecto punteiro, coordinando a 8 grupos de investigación, 30 doutores e 40 estudantes de postgrao.
O XaTcobeo, lembraremos, é un picosatélite que responde ao estándar de enxeñaría CubeSat, que permite a construción de satélites a baixo custe e en prazos breves, o que posibilita o acceso á tecnoloxía espacial para empresas e universidades. Alumnado, docentes e investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñaría Industrial do Campus de Vigo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, foron os responsables do traballo de deseño, desenvolvemento, fabricación e integración, levado a cabo durante case catro anos.
Pola súa banda, os investigadores do INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial), ademais de supervisar as actividades levadas a cabo na Universidade, encargáronse de dar soporte na xestión e enxeñaría, desenvolvemento da carga útil de radiación e o mecanismo de despregue, así como dos ensaios. Uns sesenta estudantes, 32 docentes e oito grupos de investigación fixeron posible que a de Vigo fose a primeira universidade europea en enviar ao espazo un CubeSat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea.

PUBLICIDADE