O Campus de Ourense participou arreo no deseño do software do picosatélite Xatcobeo

mércores, 8 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O picosatélite Xatcobeo, de cuxa presentación ante os medios falamos os días pasados nesta web, é galego até no software. Así nolo conta estes días Universidade de Vigo na súa web, na que se informa da expectación xerada ante o inminente lanzamento, o 13 de febreiro, do picosatélite, unha expectación que afecta de maneira especial aos membros do Laboratorio de Informática Aplicada do Campus de Ourense, de onde procede, precisamente, o deseño das capas altas do software deste CubeSat 1U.
Este traballo, que foi desenvolvido polo Laboratorio coa participación directa de seis estudantes do centro, está arestora rematado e listo para dar o mellor de si en xestión e control. A participación da dita Escola no proxecto, xunto cos restantes grupos de investigación e estudantes que colaboraron na iniciativa, tivo a orixe en 2008, cando, partindo de cero e sen experiencia previa, deuse comezo a tres anos de traballo coa EE de Telecomunicación e a EE Industrial da Universidade de Vigo e de colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) do Ministerio de Defensa.
A longo deste tempo, informa a Universidade de Vigo, o grupo ourensán traballou arreo no desenvolvemento do software de a bordo do XaTcobeo, a través dos seus proxecto de fin de carreira, os alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática Breogán López, Leonardo Antelo Occhiuzzi, Mathias Domínguez, Adrián Romasanta, Leticia Rocha e Aitor González.
A achega do laboratorio consistiu, xa nun plano máis concreto, no deseño e aplicación das capas altas do programa informático, máis polo miúdo o módulo que acubilla aos datos, o planificador de tarefas do XaTcobeo, a monitorización dos parámetros do sistema de alarma e aplicación dos modus de operacións.
O proxecto, como se pode supoñer, foi especialmente complexo, e máis tendo en conta que estamos a falar dunhas xeiras nas que achegaban o seu labor e experiencia grupos de 15 persoas, como mínimo, traballando ao mesmo tempo e dende diferentes lugares. Segundo informan os estudantes participantes, un dos retos máis grandes foi lograr que o software cumprira polo miúdo coas esixencias da Axencia Espacial Europea.

PUBLICIDADE