O lanzamento do XaTcobeo simboliza a capacidade dos profesionais galegos das telecomunicacións
venres, 3 de febreiro do 2012
- Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo
Durante a rolda
de prensa previa ao lanzamento do picosatélite XaTcobeo, previsto para o 13
de febreiro na Guíana Francesa a secretaria xeral de Modernización e Innovación
Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou que este momento supón un fito para Galicia
e que “o éxito é ter chegado ata aquí
porque demostramos o potencial dos profesionais galegos formados no sector das
telecomunicacións para competir a nivel internacional e súa capacidade de
innovación e de crear equipamento tecnolóxico de última xeración”.
Na rolda de
prensa interviñeron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato,
representantes de Instituto Nacional de Técnica Espacial (INTA), a Axencia
Espacial Europea (ESA), e os coordinadores do Proxecto da Universidade olívica.
A
responsable de Innovación Tecnolóxica resaltou que “o proxecto é un éxito académico e de investigación”. Foi a
Universidade de Vigo a que, en colaboración co Instituto Nacional Técnica
Aeroespacial (INTA), puido desenvolver un proxecto punteiro, coordinando a 8
grupos de investigación, 30 doutores e 40 estudantes de postgrao.
XaTcobeo é un picosatélite que responde
ao estándar de enxeñaría CubeSat, que permite a construción de satélites a
baixo custe e en prazos breves, o que permite o acceso á tecnoloxía espacial
para empresas e universidades.
Alumnado,
docentes e investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da
Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo e da Escola Superior de
Enxeñaría Informática do campus de Ourense, foron os responsables do traballo
de deseño, desenvolvemento, fabricación e integración, levado a cabo durante
case catro anos.
Pola súa
banda, os investigadores do INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial),
ademais de supervisar as actividades levadas a cabo na Universidade,
encargáronse de dar soporte na xestión e enxeñaría, desenvolvemento da carga
útil de radiación e o mecanismo de despregue, así como dos ensaios.
- No proxecto participaron 60 estudantes, 32 enxeñeiros e oito grupos de investigación
60 estudantes, 32 docentes e oito grupos de investigación fixeron posible que a de Vigo sexa a primeira universidade europea en enviar ao espazo un CubeSat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea. O XaTcobeo despegará o vindeiro 13 de febreiro, catro días máis tarde do previsto por decisión da ESA, a bordo da lanzadeira Vega dende a Güiana Francesa e marcará un fito para a institución académica viguesa. Co picosatélite xa ensamblado na cabeza do foguete, o reitor, Salustiano Mato, cualifica o proxecto como “un rotundo éxito, o final dun camiño” que abre novas portas tanto á propia Universidade como ao tecido empresarial vigués e galego.