A Universidade de Vigo achega novos datos sobre a lanzadeira que albergará o XaTcobeo
xoves 9 de febreiro do 2012, por |
Xa podemos contar cos dedos dunha soa man os días que restan para que teña lugar o acontecemento máis agardado pola comunidade científica de todo o país: o lanzamento do primeiro picosatélite con selo galego, o XaTcobeo, que segundo as últimas informacións achegadas pola Universidade de Vigo, irá a bordo da lanzadeira “máis versátil e lixeira de Europa”.
Falamos de Vega, unha lanzadeira de 30 metros de longo e 137 toneladas de peso, que precisou de catorce anos de intenso traballo e preto de 800 millóns de euros para a súa fabricación.
Non en balde poderá albergar, xunto co CubeSat galego, outros sete nanosatélites desenvolvidos nas universidades de Budapest, Varsovia, Bucarest, Turín, Montpellier e La Sapienza (Roma), así como 2 satélites máis deseñados en Italia: LARES e ALMASat 1.
Todos eles sairán ao espazo exterior cun foguete ideado para misións científicas, tecnolóxicas e de observación da Terra, un aparello que, en palabras do experto en foguetes da axencia europea, Julio Monreal, para o DUVI, “é seguro, fiable e competitivo”.
Vega, que é cinco veces máis lixeiro que o seu predecesor, Ariane 5, xurdiu froito da colaboración entre a Axencia Espacial Europea (ESA), a Axencia Espacial Italiana (ASI) e sete Estados membro da UE (Bélxica, España, Francia, Italia, Países Baixos, Suecia e Suíza).
Outra vantaxe a destacar desta lanzadeira é a súa “gran flexibilidade”, o que a capacitará para levar adiante un amplo abano de misións e cargas útiles para as demandas do mercado terrícola.
Aquí, malia que as tres entidades académicas galegas agardan con moita expectación a chegada do 13 de febreiro, na de Vigo a espera lévase con máis devezo e afán que de costume, ao ter implicados na súa construción (como apuntamos estes días) a alumnos e alumnas da Escola Superior de Enxeñaría en Informática de Ourense, de EE de Telecomunicación e de EE Industrial de Vigo.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















