O novo Gauntlet estréase hoxe en Steam

mércores, 24 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O clásico de 1985 Gauntlet volve á vida, e por fin podemos retornar ao Guantelete cun Guerreiro, unha Valquiria, un Elfo e un Mago, para derrotar aos esbirros do malvado feiticeiro Morak, atesourando riquezas e reliquias máxicas polo camiño que nos facilitarán lograr o noso obxectivo neste xogo que dende hoxe pode mercarse en Steam por 19,99 euros (tamén é posible adquirir 4 licenzas por 54,99 euros).
Esta revisión do xogo conserva o clásico modo cooperativo para 4 xogadores en liña, é compatible con Big Picture e destaca por chegar con voces e textos en 7 idiomas distintos entre os que non faltan o portugués de Brasil e o español. Conserva os toques arcade da súa entrega orixinal, pero coas melloras gráficas e de xogabilidade propias dos títulos actuais.
Para poder explorar os alxubes na loita contra a Escuridade en Gauntlet precisaremos como mínimo dun ordenador con Windows Vista/7 con procesador de dobre núcleo a 2,4 GHz, 4 Gb de RAM, gráfica con 512 Mb de memoria (nVIDIA GeForce 9800 ou ATI Radeon HD 2600 XT) compatible con DirectX 10, conexión á Rede e un mínimo de 2 Gb de espazo de disco libre.

Gauntlet é un dungeon crawler de corte clásico que se adapta aos novos tempos


Trailer do xogo

PUBLICIDADE