O Proxecto NACCE celebra este 13 de setembro en Vigo un foro de internacionalización

martes, 4 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Presentación de NACCE en outubro de 2011

O Proxecto NACCE, do que temos falado en Código Cero para dar conta do seu potencial para o emprendemento TIC galego-portugués, afianza o seu alicerce este mes de setembro coa celebración dun encontro para abrir novos espazos de actividade exterior para as empresas das dúas beiras do Miño. A xuntanza, o I Foro NACCE de Internacionalización de PEME TIC de Galicia e Norte de Portugal, desenvólvese este 13 de setembro na Cámara de Comercio de Vigo.
Está dirixido a empresas TIC da Eurorrexión que queiran coñecer as oportunidades de internacionalización do seu negocio, aprender con experiencias reais e recibir asesoramento personalizado ao seu caso nas mesas de traballo e de forma virtual no proxecto NACCE. A xornada vai contar cun formato de mañá con intervencións de profesionais expertos en internacionalización e xestión empresarial TIC. Pola tarde, os asistentes poderán entrevistarse cos profesionais de xeito personalizado en mesas de traballo. Trátase dunha xornada aberta e de balde, pero con prazas limitadas, polo que é preciso confirmar previamente asistencia.
Entre os obxectivos de NACCE están promover a economía do coñecemento, favorecer a xeración e a transferencia de profesionais cualificados e coñecemento a ambos lados da fronteira, superar a especialización produtiva desta zona nos sectores tradicionais, fomentar a internacionalización, a competitividade e o emprego, e impulsar a transferencia tecnolóxica entre as universidades e as empresas do sector.
Trátase dun proxecto que se inscribe dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España -Portugal 2007-2013. No proxecto NACCE participa como xefe de fila e responsable a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, xunto á Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, a Universidade de Vigo, a Asociación Empresarial AIMINHO e a Asociación Centro de Computación Gráfica de Portugal.

PUBLICIDADE