O proxecto NACCE fomentará o emprendemento TIC na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

mércores, 19 de outubro do 2011 Redacción

Beatriz Mato, durante a presentación do proxecto

O proxecto NACCE (Núcleo de Apoio á Competitividade e a Creación de Empresas TIC) pretende paliar as debilidades do sector TIC na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, tanto en cantidade de empresas, como en competitividade, e en internacionalización. Para acadar este obxectivo formará a uns 350 emprendedores e empresas do sector TIC da Eurorrexión, creará un núcleo de cooperación entre todos os axentes implicados no sector, para estimular a aparición de novas iniciativas empresariais, aumentar a competitividade das empresas existentes, e, consecuentemente, dinamizar o emprego.
Así o anunciou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na presentación desta iniciativa nunha xornada de traballo entre os distintos participantes da mesma na que subliñou que a posta en marcha deste proxecto, que lidera o Departamento autonómico, vai permitir, entre outros fins: a formación e asesoramento a 150 PEME no desenvolvemento de proxectos comúns; a formación doutros 150 emprendedores e de 50 empresas na posta en marcha de novas liñas de negocio; e a celebración de 20 mesas de traballo sobre a creación de empresas TIC.
Entre os seus obxectivos están promover a economía do coñecemento, favorecer a xeración e o trasvase de profesionais cualificados e coñecemento a ambos lados da fronteira, superar a especialización produtiva desta zona nos sectores tradicionais, fomentar a internacionalización, a competitividade e o emprego, e impulsar a transferencia tecnolóxica entre as universidades e as empresas do sector.
Trátase dun proxecto que se inscribe dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España -Portugal 2007-2013. No proxecto NACCE participa como xefe de fila e responsable a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, xunto á Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, a Universidade de Vigo, a Asociación Empresarial AIMINHO e a Asociación Centro de Computación Gráfica de Portugal.

PUBLICIDADE