O Congreso I+C servirá para afondar en Santiago nunha profesión que muda a ritmo de vertixe: o xornalismo

venres, 25 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

O edificio de Xornalismo en Compostela

As novas tecnoloxías están a mudar o concepto que temos de certas profesións, e de entre todas, a dos xornalistas é se cadra a que máis estreita vai ligada a esa gran roda que xira a tempo completo que é a Sociedade do Coñecemento. Ou sexa: o que lle pase a esta terá sempre un reflexo no xeito de traballar naqueles, un reflexo-consecuencia. O encontro I+C (do que xa temos falado en anteriores ocasións) quere parar por uns intres a roda e ver até onde nos levou e até onde nos vai levar e que consecuencias terá isto para a comunicación e para a sociedade enteira.
Co fin de botar un pouco de luz sobre o terreo que pisamos, en ocasións escuro abondo, vén de botarnos unha man Miguel Túñez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago e organizador do devandito congreso.
A xuízo de Túñez, a Asociación Española de Investigación da Comunicación que se vai constituír no evento I+C será como un gran observatorio de espazos por coñecer: os espazos sempre suxeitos a cambios (e agora máis que nunca) que afastan ó que fala do que escoita.
-Santiago acolle dentro duns días un congreso (I+C) e a constitución da Asociación Española de Investigación da Comunicación. Por que é preciso informar dos que informan? Son os investigadores da información algo así como os “asuntos internos” dos xornalistas? Ou se cinguen máis ós formatos, canles, vías ou códigos empregados?
-Neste intre, os ámbitos de investigación son complexos e abranguen non só ós formatos, canles, vías e códigos, senón tamén ó propio funcionamento do sistema mediático e as rutinas produtivas dos diferentes actores. Neste senso, consideramos imprescindible reflexionar sobre unha profesión que traballa e se modifica a gran velocidade.
-En definitiva, cales serán os grandes obxectivos da asociación e en que se verá beneficiada a sociedade en xeral (e a galega en particular) a partires do traballo destes profesionais?
-En primeiro lugar, procúrase potenciar a investigación da comunicación dentro da política científica. Ademais, esta asociación tamén xorde co desexo de que sirva ós profesionais para intercambiar ideas, estudos ou experiencia; en resume, facilitar a cooperación e crear redes de intercambio de información entre investigadores.
Outro aspecto que non hai que menosprezar é que a entidade estará constituída coma un actor que representará ós investigadores nos diálogos con outras institucións europeas ou latinoamericanas. Non debemos esquecer que será tamén a que nos represente perante as instancias responsables da política española e europea de Investigación e Desenvolvemento. Por último, gustaríame salientar que é unha asociación na que tamén terán cabida os mozos e mozas investigadores, xa que se promoverán e se apoiarán as súas iniciativas.
-Como está a ser a participación. Nun dos comunicados máis recentes da entidade sinalábase que xa se tiña acadado o compromiso de acudir de máis de 500 especialistas no proceso informativo. Semella que hai moito interese en debater sobre estas temáticas. A que se debe?
-Estamos mo satisfeitos co nivel de participación da comunidade científico. Si, estou de acordo en que hai un gran interese arredor da investigación en medios de comunicación e, ó tratarse dun congreso internacional, moitos investigadores de diversos países interesados en concorrer e propor ós seus últimos avances.
-Poderá a Asociación Española de Investigación da Comunicación traballar por unha información máis respectuosa cos cidadáns ou as entidades ou as empresas sobre as que se informa e/ou ás que se informa? Por poñer un exemplo, pensemos no individuo que no metro de Barcelona abusou dunha inmigrante adolescente e, con posterioridade a estes feitos foi tratado por unha boa parte dos medios (ó asexo de carnada para o morbo) coma un especie de heroe ó que perseguir para darlle ante as cámaras todo o tempo que considerase preciso para expresarse. Poderá a Asociación traballar en contra disto, directa ou indirectamente?
-Non depende de nós o tratamento que se lle dá dende os medios ás novas, pero o que si podemos achegar son perspectivas lúcidas sobre cómo se desenvolveron certos procesos e sobre cómo se informou en certos casos. Trátase de crear un espazo para a reflexión.

PUBLICIDADE