O Congreso I+C reunirá en Compostela a máis de 500 investigadores de todo o mundo

martes, 15 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Que vai ser do xornalismo agora que temos Rede para levar a cabo unha acción tan cotiá como mercar o pan? Haberá sitio nela, na maré de información que empurra a Internet, para nós os galegos e a nosa cultura? Estas e outras cuestións, vinculadas todas elas ós cambios que estamos a sufrir no xeito de obter e achegar coñecemento, serán tratadas polo miúdo nunha xuntanza en Santiago na que está previsto que participen máis de 500 investigadores procedentes de todo o mundo. As liñas e os obxectivos do encontro (do que xa falamos hai uns días), foron presentados esta mañá en Compostela por Margarita Ledo, presidenta do comité organizador, nun acto celebrado en Xornalismo.
Esta facultade será precisamente o escenario da reunión, que se estenderá ó longo de tres xornadas (do 30 de xaneiro ó 1 de febreiro) e que significará a constitución oficial da Asociación Española de Investigación da Comunicación. O nome oficial do evento dá sinais claras das intencións que lle están a dar forma: Congreso I+C Investigar a Comunicación.
Un dos aspectos máis salientables do congreso vai ser a súa vontade de pregar o mundo nun único escenario: Santiago. Deste xeito, informou na presentación Margarita Ledo, farase todo o posible por convocar á comunidade universitaria do máximo número de países, sendo polo de agora a resposta positiva abonda. A xuízo de Ledo, a importancia do evento é ben grande, non só como eido de reflexión e debate, senón como berce para un colectivo, o devandito, que aspira a ser un referente internacional no intercambio de coñecemento, experiencia e achados científicos. Este será, precisamente, o obxectivo da Asociación Española de Investigación da Comunicación: potenciar a investigación no eido do fenómeno informativo e establecer unha política de cooperación con entidades internacionais de estudo, segundo sinalou hoxe en Compostela Miquel de Moragas, presidente da comisión xestora do novo colectivo.
Quen estará na xuntanza?
Segundo sinalaron os responsables da reunión, máis de 25 países participarán nela, sobre todo do eido europeo e americano. O profesor da Universidade Autónoma Metropolitana de México, Néstor García Canclini, ou a profesora da Universidade de Lima (Perú), Teresa Quiroz, son algúns dos representantes de América Latina. No ámbito europeo estarán en Compostela especialistas de renome como a profesora da Universidade de Kent (Gran Bretaña), Elisabeth Cowie; o profesor da Universidade de Tampere (Finlandia), Tapio Varis; ou a blogger Regine Debatty.
Por parte de Galiza e Catalunya, acudirán (entre outros) a catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, Margarita Ledo, ou o catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, Miquel de Moragas.

PUBLICIDADE