O Club Nintendo pechará o 30 de setembro

martes, 20 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Dende 2002 Nintendo leva ofrecendo aos seus clientes distintos programas de fidelidade, que en decembro de 2007 confluíron no actual Club Nintendo, que fai que os usuarios poidan acumular puntos (estrelas) por cada xogo que mercan para poder acceder a un catálogo de agasallos como fundas protectoras para consolas portátiles, camisetas, figuras, pins, parasoles, chaveiros, cadernos... toda unha sorte de mercadotecnia da compañía nipoa que estaba así ao alcance duns seis millóns de membros do programa que vai dicir adeus, estando previsto que o vindeiro 1 de abril os novos xogos en soporte físico deixen de incluír as tarxetas que permiten canxealos por puntos do Club Nintendo.

No Club Nintendo podemos atopar produtos tan curiosos como bolas de golf de Mario

No caso dos xogos descargados da Nintendo eShop o seu rexistro no Club Nintendo rematará o 20 de abril e, finalmente, o 30 de setembro o Club Nintendo botará definitivamente o peche, de xeito que xa non será posible acceder ao catálogo de produtos que podemos conseguir con estrelas (de aí que insten aos usuarios que aínda conserven estrelas na súa conta a gastalas antes do remate do mes de setembro).
Pero o cesamento do Club Nintendo non suporá que Nintendo deixe de procurar a fidelización dos seus usuarios, xa que ao longo do ano prevén lanzar un novo programa a través do que recompensar aos usuarios pola compra dos produtos da compañía.

Entre os produtos que podemos atopar no Catálogo de Estrelas figuran pins de Mario Kart 8

PUBLICIDADE