Numerosos torneos de videoxogos desenvolveranse durante a Hobbycon

venres, 3 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro xoves botará a andar ás 12:00 horas unha nova edición do salón multidisciplinar Hobbycon, que xuntará no recinto de Palexco da Coruña numerosas actividades sobre o lecer alternativo como a banda deseñada, os xogos de mesa, o cosplay, os videoxogos... e incluso a realidade virtual e o vídeo en liña. Para que os interesados poidan programar a súa visita ao evento, xa adiantaron o seu completo programa, do que queremos salientar as actividades máis tecnolóxicas.
Durante a xornada do xoves desenvolverase na sala 1 (2º andar) de 13:00 a 14:00 horas un obradoiro sobre Street Fighter IV competitivo, mentres que na zona de gaming desenvolveranse torneos de Wario Ware, Just Dance Wii U e Amiibo Smash U que botarán a andar ás 16:00, 17:00 e 18:00 horas respectivamente.
O venres tamén haberá un obradoiro na sala 1 (2º andar) de 13:00 a 14:00 horas, pero desta volta abordará a competición de Smash Bros. U. Na sala 2 (2º andar) desenvolverase unha charla sobre FX Studio e as súas bolsas de estudo de 13:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 17:00 terá lugar unha charla sobre crowdfunding, mentres que de 18:00 a 21:00 horas o espazo está reservado para os responsables da webserie El Método Sueco, gañadores un Premio Mestre Mateo, que impartirán unha charla que desembocará nunha videoregueira.
Os torneos que se realizarán o segundo día na zona de gaming serán de xogos retro e de Taiko Wii a partires das 13:00 horas, de Tekken Tag Tournament 2 ás 17:00 horas e de Smash Bros. 3DS ás 18:00 horas; celebrándose tamén un torneo de Hearthstone no hall dianteiro ás 18:00 horas.

Alejandra Mie Moe impartirá un obradoiro sobre como vender artesanía en Etsy.com

O sábado celebraranse na zona de gaming torneos de J-Stars Victory, FIFA 15 e Pokémon, Smash Bros. Wii U e Street Fighter IV ás 12:30, 16:00, 17:00 e 19:00 horas respectivamente, mentres que o domingo as competicións serán só de Mario Kart ás 12:30 horas e de Mortal Kombat X ás 16:00 horas. Nesta última xornada tamén haberá un interesante obradoiro ás 13:00 na sala 2 (2º andar) impartida por Alejandra Mie Moe, quen explicará como iniciar un perfil de artesanía na plataforma en liña Etsy.
Durante os catro días que dura o encontro tamén haberá consolas de videoxogos dispoñibles para o xogo libre e un sistema Oculus Rift DK2 para poder probar a experiencia de introducirse virtualmente na Batcova.

Durante os 4 días de evento poderanse probar as Oculus Rift

PUBLICIDADE