Microsoft presenta en Australia unha funda para xogar á Xbox One

mércores, 24 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Este verán chegaron ao mercado as primeiras Xbox One S, e para dalas a coñecer dende Microsoft lanzaron distintas campañas por todo o mundo, sendo a más rechamante a que emprenderon en Australia, onde decidiron acompañar á consola doméstica cun produto de vestir para os seus usuarios, o Xbox Onesie, que vén a ser unha funda que en vez de empregarse para traballar e protexer así a roupa, estaría destinada para estomballarse no salón a botar longas horas xogando coa Xbox One.
Este novo produto de Microsoft será de edición limitada e aínda non se detallou como poderá adquirirse, pero vendo a expectación que está a crear non sorprendería que se comercialice a nivel mundial. Esta funda de videoxogador conta cun par de petos dianteiros de grande tamaño para facilitar o transporte do mando de Xbox One ou dun mando a distancia, tamén conta cun peto nun brazo para gardar o teléfono móbil, as perneiras e as mangas poden axustarse para adaptarse ás distintas temperaturas do ano, a súa capucha é grande dabondo para que resulte cómoda incluso con auriculares postos e será posible personalizar a prenda co bordado do gamertag do usuario.
Creará tendencia Microsoft con estas fundas Xbox para o ámbito doméstico? Levará isto a Sony a recuperar a súa tenda de roupa en liña de produtos co selo de PlayStation? Volverá o PlayStation onese de edición limitada a protagonizar unha promoción de Sony?

A prenda ten petos para gardar o mando da consola
O Xbox Onesie non esquece que queiramos ter o noso smartphone a man
Non só para xogar, dende Microsoft Australia consideran que a súa nova funda tamén resulta confortable para ver series de televisión

PUBLICIDADE