Microsoft muda o sistema de licenzas dos xogos de Xbox One ante o rexeitamento do público

mércores, 19 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A semana pasada a feira E3 converteuse no campo de batalla na que Microsoft e Sony enfrontaban as súas consolas de videoxogos que sairá á venda no Nadal, sendo a primeira empresa en amosar as súas cartas a compañía de Redmond, que destacou cun impresionante catálogo de xogos para a Xbox One, entre o que figuraban moitas exclusivas, polo que daba a impresión de que Sony teríao difícil para superar tal presentación, pero a compañía nipoa, en vez de presumir de xogos, conseguiu gañarse á audiencia cun prezo agresivo (100 euros máis barato) e unha política DRM máis flexible, que non precisa de conectar a consola á Internet diariamente nin pon atrancos á venda de xogos de segunda man, detalles que fixeron que pese a amosar menos no escenario, a PlayStation 4 figurase como a favorita da nova xeración.
En vista de tal situación, dende Microsoft tiveron que reflexionar e finalmente recúan na política de licenzas da súa futura consola, como vén de anunciar o presidente da división de lecer interactivo de Microsoft, Don Mattrick, quen asegura que souberon ver a importancia que os usuarios están a dar á flexibilidade que supón o disco como soporte á hora de emprestar, compartir e revender os xogos, polo que anuncia que:
· a conexión á Internet non será precisa para xogar fóra de liña: tras unha primeira configuración a Xbox One non precisará de conectarse á Internet para poder xogar a títulos en soporte físico.
· Intercambiar, emprestar, revender, agasallar e alugar discos de xogos poderá seguir a facerse como na actual Xbox 360.
A maiores, destacan que os xogos que saian en soporte físico estarán dispoñible ao mesmo tempo para a súa descarga, podendo tamén xogarse sen conexión a Internet, e os xogos de Xbox One tampouco contarán con restricións rexionais (en clara resposta á política multi-rexión de Sony).
Por desgraza, este cambio de política fai que os xogos descargables non poderán emprestarse nin revenderse, ou sexa, que Microsoft elimina as innovacións que tiña pensado incorporar con Xbox One, e que tiñan as súas vantaxes, pero que non parecían chegar no mellor momento, o que parece responder á cultura dos usuarios (que é de agardar que no futuro vexa mellor o prescindir de soportes físicos).
En vista deste cambio de política, a Xbox One quedaría á altura da PlayStation 4 nos puntos máis polémicos, quedando só o prezo como grande vantaxe por parte de Sony, o que podería mudar lixeiramente durante o lanzamento das consolas, pois ao estar dispoñibles tamén en lotes que inclúe xogos, é posible que a distancia entre os prezos de ambas máquinas sexa máis estreita do que pensamos hoxe, de xeito que a competencia entre ambos sistemas pode ser semellante á da actual xeración.

PUBLICIDADE