Microsoft anuncia os xogos que darán forza á Xbox One

luns, 10 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Tras a presentación da Xbox One o pasado 21 de maio, Microsoft quixo aproveitar a celebración do E3 para deixar o hardware a un lado e centrarse nos xogo, presentando un dos catálogos máis prometedores que pode presentar unha nova consola de videoxogos nos seus comezos, con bastantes títulos exclusivos e interesantes servizos asociados. A compañía de Redmond xuntou a máis de 5.000 asistentes no Galen Center de Los Angeles (aos que hai que sumar a millóns de usuarios que seguiron o evento a través de streaming) para deixar claro que, aínda que na súa anterior presentación desen a impresión de que a nova consola quere ser o corazón multimedia do fogar, non esquecen a funcionalidade principal deste tipo de dispositivos: o xogo.

Ryse: Son of Rome será un dos grandes xogos exclusivos de Microsoft

Phil Spencer, vice presidente corporativo de Microsoft Studios, foi un dos encargados de amosar os xogos que queren converter á Xbox One nunha das plataformas máis atractivas para xogar, cunha grande variedade de títulos entre os que figuran grandes exclusivas, novas franquías e grandes producións que buscan debuxar o escenario de xogo durante o que resta de década.
Entre os xogos amosados no evento figuran: Ryse: Son of Rome, aventura épica que introduce ao xogador en batallas da antiga Roma nas que poderemos dar ordes mediante a voz grazas a Kinect; Forza Motorsport 5 levará os xogos de carreiras un paso máis adiante ao aproveitar a potencia da nube para que a intelixencia artificial sexa moi semellante ao comportamento humano e con numerosas melloras para o xogo en liña; Dead Rising 3 é un xogo de zombis que chegará en primicia para a Xbox One, converténdose nunha das súas grandes bazas, e que desta volta levará o número de inimigos en escena a niveis nunca vistos; Project Spark achegará un xogo de mundo aberto que poderán construír os usuarios para despois xogalos en liña; e Sunset Overdrive sorprendeu como un shooter de mundo aberto elaborado por Insomniac Games. Tamén serán exclusivas de Microsoft os xogos Quantum Break, Below, Crimson Dragon, D4, Killer Instinct, LocoCycle, Powerstar Golf, Zoo Tycoon e Kinect Sports Rivals, aínda que hoxe tamén deixaron ver algúns xogos multi-plataforma como The Witcher 3: Wild Hunt, Battlefield 4 e Metal Gear Solid V: The Phantom Pain.


Dead Rising 3 será unha das grandes exclusivas de lanzamento para Xbox One
Unha das grandes apostas de Microsoft, grazas á súa estreita relación con Electronic Arts, será o xogo Titanfall, no que amosarán combates futuristas de grande intensidade, e que será exclusivo para Xbox One, Xbox 360 e PC.
Spencer tamén presentou un trailer de adianto de Halo Xbox One, capítulo da saga Halo que será desenvolvido por 343 Industries e que chegará en 2014 iniciando un novo ciclo na franquía do Xefe Mestre.


Vídeo de Halo Xbox One

A Xbox One permitirá editar vídeos cos nosos logros para compartilos

Marc Whitten, xefe de produto, tamén apareceu no escenario para dar conta algúns detalles adicionais da Xbox One, como a súa integración na nube, os logros expandidos, a posibilidade de crear partidas en liña seguindo criterios determinados (como nivel de xogo, idioma e reputación), o uso de SmartGlass e, moi especialmente, as funcións sociais da nova consola, que permitirá gravar partidas, poder editar vídeo coas gravacións para a súa publicación e incluso a incorporación de Twitch, plataforma que facilitará a emisión de partidas en vivo (prestación amosada cunha franquía de xogos de loita que prepara a súa volta: Killer Instinct). Microsoft tamén facilitará as compras de contidos dicindo adeus aos Microsoft Points e adoptando a moeda local, de xeito que poderemos comprar xogos e DLC en euros.
Un dos detalles sobre a Xbox One que deron durante o evento de hoxe foi o prezo da consola, que será de 499 euros, incluíndo 14 días do servizo Xbox LIVE Gold e contando cunha edición limitada para os usuarios que reserven (dende hoxe) a consola, conseguindo non só unha consola cunha aparencia diferente, senón tamén contidos adicionais para os xogos Ryse: Son of Rome, Forza Motorsport 5, Kinect Sports Rivals e Dead Rising 3.

Twitch facilitará a retransmisións de partidas en vivo


O novo de Insomniac Games tamén se deixou ver na presentación de Microsoft


Tras máis dunha década de ausencia resucitan a franquía Killer Instinct

PUBLICIDADE