Microsoft loita contra a SIDA a través do Messenger

luns, 1 de decembro do 2008 Raquel Noya

Con motivo da celebración do Día Mundial contra a SIDA que ten lugar hoxe, a empresa Microsoft vén de lanzar unha campaña especial para concienciar aos mozos e mozas de todo o mundo, do riscos de contraer esta enfermidade se non se toman as medidas de prevención axeitadas.
Por medio do servizo Messenger, que ten 14 millóns de usuarios en España, a campaña da compañía (www.sida.msn.es), ofrecerá información para axudar na loita contra a SIDA entre a xuventude española, “onde medrou de xeito alarmante o número de contaxios da enfermidade”, segundo sinalaron os promotores desta iniciativa.
O portal dispón de contidos e ferramentas de participación entre os usuarios, que permitirán saber se están protexidos contra a SIDA nas súas relacións sexuais así como outros servizos de información como cuestionarios ou preguntas e respostas máis habituais sobre o tema.
Xunto coas accións no portal MSN e os Windows Live Messenger e Windows Live Hotmail, a campaña terá presenza a través de Facebook, con accións especiais para os usuarios desta rede social.
Nembargantes, o popular Messenger será o gran protagonista, ao ser a principal ferramenta de comunicación de Internet no noso país, con catorce millóns de usuarios, dos cales, 3.066.000 son mozos e mozas que se atopan entre a franxa de idade aos que vai destinada a campaña.
A iniciativa conta co apoio dos futbolistas Iker Casillas, Carles Puyol, David Albelda e Aitor Ocio, ao ser parte da campaña, Protéxete: co VIH non se xoga, da Fundación Abbot, apoiada tamén polos Ministerios de Sanidade e de Educación, a sociedade científica Seisida, o grupo de estudio Resiga, as asociacións de doentes de Cesida e a Liga de Fútbol.

PUBLICIDADE