Beeper Mini permite mandar mensaxes nativas a iPhone dende Android

martes, 5 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Tras o desastroso intento de Nothing de lanzar unha aplicación para permitir que o seu último smartphone puidese intercambiar mensaxes cos iPhone de xeito nativo, a xente de Beeper, que xa contaba cunha solución semellante baseada ordenadores con macOS nos que iniciar sesión na mensaxería de Apple (pero que ao ser de código aberto podía instalarse en ordenadores controlados polos usuarios), sorprende anunciando Beeper Mini, unha aplicación para Android que permite enviar mensaxes aos iPhone que sexan identificados de xeito nativo (nunha burbulla azul).
Esta nova aplicación para Android conta con cifrado de extremo a extremo e non precisa de servidor, ordenador ou teléfono de Apple para poder simular que temos un iPhone. De feito, esta aplicación nin sequera precisa que o usuario conte cun Apple ID, sendo unha solución moito máis segura que as coñecidas até o momento.
Aínda que os usuarios seguen a poder empregar de balde a solución de código aberto de Beeper, de querer simplemente gozar de mensaxes nativas a iPhone mediante a aplicación Beeper Mini teñen que pagar 1,99 dólares/mes (2,29 euros/mes de facturar a través de Google Play), podendo probar a app de balde durante 7 días.
Cómpre salientar que Beeper Mini funciona grazas ao traballo de investigación de jjtech, compañía de seguridade que conseguiu facer enxeñaría inversa ao protocolo de mensaxería de Apple, de xeito que é a propia aplicación a que se comunica dos servidores de Apple e as claves de cifrado mantéñense de xeito seguro no terminal móbil. O que é difícil de aventurar é se Apple decidirá tomar medidas (legais ou técnicas) contras esta interesante iniciativa.

PUBLICIDADE