Iker Casillas publicita móbiles de Samsung dende un iPhone

martes, 26 de novembro do 2013 Marcus Fernández

A mensaxe na que Casillas asegura empregar un smartphone de Samsung para acceder a Twitter publicouse dende un iPhone

As marcas como Samsung están a ter serios problemas de imaxe por mor da falta de tino dos famosos que contratan para as súas campañas promocionais, e así, ao igual que a embaixadora de BlackBerry, Alicia Keys, era cazada empregando Twitter dende o seu iPhone (o que pouco despois aconteceulle ao tenista David Ferrer cando estaba a anunciar o Samsung GALAXY S4) temos agora que Iker Casillas publicou un chío no que está a anunciarse un smartphone de Samsung, e unha vez máis a aplicación empregada para publicar a mensaxe non é outra que Twitter para iPhone, deixando nunha situación comprometida ao fabricante surcoreano.
No chío cazado o porteiro asegura que usa o móbil de Samsung para acceder a Twitter a diario, o que non se corresponde co asinado que levan as súas mensaxes, o que non se trata dun caso illado, senón que as seguintes mensaxes publicadas, incluso despois de que varios medios desen conta de que Casillas puña os cornos a Samsung, continúan a enviarse a través da aplicación oficial de Twitter para iPhone, comportamento que claramente afecta á reputación de Samsung.

PUBLICIDADE