Cazan a Alicia Keys tuiteando dende o iPhone pese a estar comprometida con BlackBerry

martes, 12 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

O golpe de efecto que pretendía dar BlackBerry ao anunciar o nomeamento da Alicia Keys como nova directora creativa global da compañía durante a presentación de BlackBerry 10 non parece estar a ter o efecto desexado, pois a artista era unha convencida usuaria de iPhone, que poucos días antes aínda estaba a utilizar o móbil de Apple para empregar Twitter (o que facía dubidar das súas palabras no evento da compañía canadense) e agora a cousa foi a peor, pois aínda que Keys asegurase que empregaría exclusivamente o seu novo BlackBerry Z10, na súa conta de Twitter apareceu unha mensaxe publicada dende o iPhone, cunha reacción moi pouco elegante e crible por parte da artista, que eliminouna e comentou que ela non publicara a anotación e que parecía que piratearan a súa conta de Twitter.

Unha fotografía dá a entender que Alicia Keys aínda facía uso do iPhone durante a cerimonia dos Grammy

Que Alicia Keys negase a autoría da publicación dende o iPhone non só é pouco crible polos antecedentes, as circunstancias e a improbabilidade de que se producise e denunciado hackeo, senón tamén por unha fotografía da cantante fronte a un espello de maquillaxe, onde, aparte do novo BlackBerry Z10 tamén poden verse outros móbiles (curiosamente de Apple), dando a entender que foi pouco sincera ao asegurar que ía deixar de utilizar o seu iPhone tras o compromiso adquirido con BlackBerry.
Non é a primeira vez que acontece algo semellante a unha celebridade ao promocionar un produto tecnolóxico e, sen retroceder moito no tempo, a presentadora de televisión Oprah Winfrey chegou a publicar mensaxes en Twitter falando ben do Surface de Microsoft dende un iPad.

PUBLICIDADE