Cazan a David Ferrer facendo publicidade do Samsung GALAXY S4 dende un iPhone

martes, 30 de abril do 2013 Marcus Fernández

Cando cazaron á artista Alicia Keys utilizando Twitter dende o seu iPhone cando tiña que estar a promocionar o novo BlackBerry Z10 comentamos que era bastante habitual que as celebridades cometesen ese tipo de erro, por non ser conscientes de que as publicacións que realizan na Rede deixan pegada da súa actividade, desvelando como poñen os cornos ás compañías coas que manteñen contratos publicitarios, e agora Jaime Novoa, blogueiro establecido en Compostela, desvela que que o tenista David Ferrer tropezou na mesma pedra, ao comentar as bondades do seu Samsung GALAXY S4 dende un iPhone.
Na súa mensaxe en Twitter Ferrer destacaba as funcionalidades de S Health para axudar aos seus adestramentos, destacando así unha prestación exclusiva de Samsung, pero pondo en dúbida que realmente a coñeza ou a use, polo feito de ser usuario de iPhone, deixando claro unha vez máis a prudencia que teñen que ter as figuras públicas neste tipo de comunicacións para, como mínimo, camuflar o dispositivo dende o que publican os seus chíos.

PUBLICIDADE