INEO convoca esta semana aos principais representantes do sector TIC no seu Foro de Innovación

luns, 24 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Esta semana a sede da CEP en Vigo acolle un evento profesional de especial potencialidade para desenvolver e impulsar unha fórmula que na nosa terra, en boa medida grazas ao traballo de asociacións como INEO, xa leva tempo aplicándose no eido tecnolóxico-dixital: a fórmula da colaboración e do traballo conxunto para saírmos da crise. O I Foro do Sector TIC galego para a Innovación Empresarial, a desenvolver o mércores 260 de 10 a 14.00 horas, vén precisamente da man de INEO, co obxectivo firme de fortalecer o traballo entre os axentes do sistema galego de innovación, institucións públicas e empresas TIC.
O foro acollerá, entre outras cousas, a presentación das Estratexias Nacionais e Rexionais de Innovación, amais de servir de palestra aos resultados do proxecto de Benchmarking Tecnolóxico desenvolvido pola asociación TIC galega. A inauguración correrá a cargo de Ricardo Capilla, director xeral da Axencia Galega de Innovación, José Manuel Fernández García, xerente do IGAPE e máis Jorge Cebreiros, presidente de INEO.
No foro, como dixemos, estarán representados os principais axentes do sistema galego de innovación, empresas do sector TIC e as institucións encargadas de impulsar o desenvolvemento económico e tecnolóxico de Galicia. O obxectivo, en palabras de INEO: “Activar estratexias de innovación colaborativa, que impulsen a cooperación entre equipos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas TIC para pór en marcha en Galicia proxectos de innovación nos que se desenvolvan novos produtos e servizos tecnolóxicos”.
Programa de contidos
Trala inauguración, e arredor das 10:20 horas, Javier Echávarri, técnico do departamento de Telecomunicacións, Electrónica e Informática. Dirección de Mercados Innovadores Globais do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) exporá as Estratexias Nacionais de Innovación. Será a oportunidade para coñecer de primeira man as tendencias que marcarán a I+D dos vindeiros anos en España.
A continuación, en torno ás 10:50 horas, Pilar Morgade, directora da Área de Crecemento e Valorización da Axencia Galega de Innovación, presentará as Estratexias Galegas de Innovación, un achegamento á realidade galega e aos plans de futuro para a I+D no noso territorio.
Arredor das 11:20 horas, será o intre de abordar a Vixilancia Tecnolóxica desde diversos puntos de vista, un aspecto que definirán Miguel Regueiro, responsable de Contas de GRADIANT, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia; Sonia Pazos, directora do departamento de Proxectos de Innovación da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e Carmen Iglesias, responsable da Oficina de Proxectos e Calidade do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), da Universidade da Coruña. Estes centros serán os que lideren as mesas de traballo con empresas TIC e que iniciarán a partir das 12:30 horas.


Presentación dos resultados do Proxecto de Benchmarking Tecnolóxico
O Foro do Sector TIC galego do vindeiro mércores acollerá, ademais, a presentación das conclusións do proxecto de Benchmarking Tecnolóxico, desenvolvido por INEO para identificar as oportunidades tecnolóxicas máis destacadas no ámbito europeo e promover a creación dunha rede de intercambio de coñecemento que traslade estas oportunidades ao sector TIC de Galicia.
Lucía Gregorio, directora xeral de INEO, presentará ás 12:00 horas os resultados deste proxecto, co que se pretende impulsar a competitividade do sector TIC de Galicia e o seu posicionamento no mercado global.
A clausura do Foro terá lugar sobre as 13:50 horas, e correrá a cargo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e de Jorge Cebreiros, presidente de INEO.

Asistencia de balde
A asistencia ao Foro do Sector TIC galego para a Innovación Empresarial é gratuíta e aberta a todos aqueles empresarios, axentes do sector TIC e interesados en coñecer as claves para o futuro inmediato da innovación galega. É obrigado a reserva de praza, que pode realizarse no teléfono 986 112 570 ou no e-mail administracion@ineo.org.

PUBLICIDADE