As leiteiras de Pontevedra centraron un novo faladoiro podcast de Aquí faltan páxinas

venres, 8 de marzo do 2024 S. P.

As leiteiras de Pontevedra, exemplo de trunfo da unión entre mulleres, foron este xoves 7 de marzo as protagonistas da nova entrega do programa de charlas Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas, ciclo de xornadas sobre mulleres referenciais da provincia (documentadas e anónimas) que se emiten regularmente en formato podcast.
Este segundo faladoiro do programa, que correu a cargo de Xiana Iglesias, forma parte da programación Seguimos con todas e para todas, deseñada pola institución provincial para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, “e reafirmar o noso compromiso irrenunciábel coa igualdade”, afirmou a deputada de Igualdade Sandra Bastos.
O faladoiro, que vai acompañado dun podcast do que se pode desfrutar tanto na web da Deputación como Ivoox e Spotify, lembrou a unión destas leiteiras, que chegaban cada día desde o rural a Pontevedra para vender o leite polas casas, para facer fronte ás taxas municipais impostas polo concello en xullo de 1892. “Daquela foron quen de organizarse nun movemento subversivo ao que se lles sumaron tamén as vendedoras de legumes, froitas e peixe, as clases populares e as forzas opostas ao poder”, sinalou, engadindo que “elas amosaron como ninguén a capacidade de auto organización e cohesión e como un movemento popular de base feminina rematou por tornarse nunha cuestión colectiva. Tamén como o rural e o agro das parroquias posuía, xa daquela, un enorme potencial”.
A segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano e continuará ao longo de todo 2024 coas vidas da física Inmaculada Paz Andrade; a escritora Avelina Valladares; a política e activista Urania Mella; a combatente María Araujo; a raíña Urraca I de León, “A temeraria”; as madriñas de San Simón; a pintora Mercedes Ruibal; a música María Pardo; a fotógrafa Mary Quintero, e a mestra e guerrilleira Placeres Castellanos.

PUBLICIDADE