X permite publicar artigos longos a usuarios de pagamento

venres, 8 de marzo do 2024 Marcus Fernández

En xuño de 2022 Twitter anunciou que estaba a probar unha función de publicación de textos longos que chamaban simplemente Textos, que consistín en pezas cun límite de 100 caracteres no título e 2.500 palabras no corpo, coa posibilidade de integrar texto enriquecido, imaxes e chíos.
Isto aconteceu antes da entrada de Musk na compañía, e vese que dalgún xeito lembraron esa función xa implementada e decidiron lanzala como incentivo para as subscricións Premium+ e para organizacións verificadas (ou sexa, para os usuarios que pagan as subscricións máis caras) mudándolle o nome polo de Artigos.
Deste xeito agora temos en X os Artigos, un xeito de escribir e compartir textos longos con texto enriquecido, imaxes, vídeos, publicacións e ligazóns, ou sexa, que insta aos creadores de contidos a retelos dentro de X, o que pode parecer unha boa idea a Elon Musk, pero resulta totalmente contrario aos intereses de editores e creadores, que verían como as súas creacións chegan a un público menor e sen a posibilidade de explotar comercialmente os artigos creados.
Cómpre lembrar que Facebook fixo algo semellante hai anos coas súas Notas, un xeito de publicar artigos directamente na plataforma de Mark Zuckerberg, e os usuarios e editores rexeitaron o formato, xa que basicamente regalaban os seus contidos á plataforma social sen contraprestación algunha. No caso de X a situación sería aínda peor, xa que non só pretenden a creación de contidos traballados de balde, senón que incluso esixen un pagamento adicional para habilitar este formato de publicación.

PUBLICIDADE