Google atopa atrancos co dereito ao esquecemento

venres, 4 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Ante a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que recoñece o dereito ao esquecemento, Google puxo en funcionamento un procedemento un tanto curioso para que os cidadáns poidan exercer tal dereito solicitando a eliminación de certos resultados de busca en Google, que parece estar a ser máis un problema que unha solución, xa que tras recibir máis de 70.000 peticións (das que 6.176 corresponderían a España) que solicitarían a retirada de máis de 267.550 enderezos de Internet (21.564 no caso español) o que está a topar coa dificultade de acadar un equilibrio entre a protección de datos persoais e o dereito á información.
Un claro exemplo dito foi o apuntado por varios medios británicos, que viron como varios dos seus contidos desaparecían dos resultados de busca figurando no seu lugar un aviso informando de que a ligazón aos mesmos retirábase en cumprimento coa lexislación europea, o que conseguiu xusto o efecto contrario ao pretendido (como bo exemplo do efecto Streisand), xa que acontecementos que practicamente estaba esquecidos polo público emerxeron de novo ao figurar como vetados en Google, facendo que o público se fixase na información para coñecer o motivo do que algúns ven como censura, recibindo moita atención sobre unha publicación pasada, que era xusto o contrario ao que pretendían os reclamantes.
En vista desta situación, Google decidiu recuar, e xa non está a vetar contidos dos medios de comunicación británicos, e aínda que dende o buscador demostraron ter a intención de acatar a sentenza do TXUE, o que está a acontecer debería levar aos lexisladores a regular como debe de ser o xeito de actuar. Debería establecerse un mecanismo regulado e transparente que permita, por exemplo, que os medios que publiquen unha información poidan apelar a solicitude presentada por un cidadán, xa que neste momento só están a recibir notificacións dos enderezos bloqueados, pero non saben nin quen presenta a reclamación nin o motivo da mesma, á vez que carecen da posibilidade de resposta, o que tampouco parece xusto para os medios, e podería traducirse en actuacións claramente censoras.

PUBLICIDADE