Google publica un formulario para exercer o dereito ao esquecemento
venres, 30 de maio do 2014
Nas últimas horas, e en cumprimento co sentenza do
Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), Google publica un
formulario na súa páxina web para solicitar a retirada de resultados de busca
en virtude da Normativa Europea de Protección de Datos, de xeito que os
cidadáns europeos que detecten que Google publica resultados de busca que
poidan considerarse “inadecuados, non pertinentes ou xa non pertinentes, ou
excesivos dende o punto de vista dos fins para os que foron tratados” poderán
solicitar a súa retirada, aínda que Google non o fará de xeito automático,
senón que avaliará cada solicitude de xeito individual para buscar un equilibro
entre a privacidade do usuario e o dereito á información do público.
Dende Google matizan que terán en consideración, por exemplo, información sobre
estafas financeiras, neglixencia profesional, condenas penais ou comportamento
público de funcionarios do Goberno, que poderían considerarse como de interese
para o público xeral, e que non retiraría o buscador pola simple solicitude dun
usuarios (outra cousa sería que fose baixo mandato xudicial).
O formulario de solicitude de borrado de información precisa dunha copia do DNI
do cidadán que reclame (que deberá remitirse dixitalizado para poder verificar
a identidade do remitente), así como a relación de ligazóns das que se pide a
súa eliminación dos resultados de busca. Tras esta solicitude, Google podería comunicaralla
tanto á autoridade de protección de datos pertinente como ao webmaster das
páxinas web afectadas (para dar conta do contido que desaparecerá dos
resultados de busca).