O Tribunal de Xustiza da Unión Europa recoñece o dereito ao esquecemento

martes, 13 de maio do 2014 Redacción

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) deu a razón á Axencia Española de Protección de Datos na súa disputa con Google ao ditaminar que os servizos de motor de busca en Internet son responsables dos datos persoais incluídos nas páxinas web que tratan.
A sentenza recoñece ademais a existencia dun "dereito ao esquecemento" como o que invocou o cidadán español afectado por este caso para que se borrasen os seus datos en Internet, aínda que establece unha serie de condicións e limitacións. O Tribunal contradí a opinión do avogado xeral, Niilo Jääskinen, que en xuño de 2013 dera a razón a Google.
O litixio remóntase ao ano 2010, cando a Axencia Española de Protección de Datos esixiu a Google que eliminase nos resultados das súas buscas os vínculos ao anuncio publicado nun xornal dunha poxa de inmobles relacionada cun embargo por débedas á Seguridade Social.
A Axencia actuou a petición do cidadán mencionado nese anuncio, que alegaba que o embargo ao que se viu sometido no seu día está totalmente solucionado e resolto dende hai anos e carece de relevancia na actualidade, polo que non quería que aparecese cando se buscase o seu nome en Google.
Na súa sentenza o Tribunal de Xustiza conclúe que "o xestor dun motor de busca na Internet é responsable do tratamento que aplique aos datos de carácter persoal que aparecen nas páxinas web publicadas por terceiros" e polo tanto debe respectar a directiva comunitaria sobre protección de datos.
En resposta á pregunta de se a directiva permite que a persoa afectada solicite que se supriman desa lista de resultados uns enlaces a páxinas web porque desexa que a información sobre ela que figura nesas páxinas se ’’esqueza’’ despois de certo tempo, o Tribunal de Xustiza indica que " se, a raíz da solicitude da persoa afectada se comproba que a inclusión desas ligazóns na listaxe é incompatible actualmente coa directiva, a información e as ligazóns que figuran na listaxe deben eliminarse.
A sentenza sinala que "co tempo, mesmo un tratamento inicialmente lícito de datos exactos pode chegar a ser incompatible coa directiva cando, tendo en conta todas as circunstancias que caractericen cada caso, eses datos se revelen inadecuados, non pertinentes ou xa non pertinentes ou excesivos dende o punto de vista dos fins para os que foron tratados e do tempo transcorrido".

PUBLICIDADE