Filtran á web a versión de Flipboard para Android

mércores, 9 de maio do 2012 Marcus Fernández

Flipboard, a popular aplicación para iOS que permite a elaboración automática dunha revista personalizada con contidos compartidos en redes sociais polos nosos amigos, dando lugar a unha ferramenta social de grande utilidade que Apple elixiu como aplicación do ano para iPad e que tamén pode integrarse con servizos como Instapaper ou Pocket (Read It Later), conta cunha versión para o sistema operativo Android que está limitada ao Samsung Galaxy S III por mor dun acordo de exclusividade, que vén de saltarse grazas a unha filtración da aplicación, de xeito que moitos terminais con Android poden gozar xa desta excelente aplicación que constitúe un novo xeito de consumir contidos da Rede.
Sorprende que a aplicación poida correr sen problema en Android 2.x, e a súa experiencia de uso é practicamente igual á da súa versión para iOS, aproveitando igualmente a interface táctil para moverse entre os contidos, creando unha experiencia de lectura que está a crear escola (de feito, a aplicación Google Currents está inspirada nesta aplicación).
Polo momento descoñécese a data na que Flipboard chegará oficialmente a móbiles distintos do Samsung Galaxy S III.

PUBLICIDADE