Xa é posible empregar Google Currents dende España de xeito oficial

mércores, 11 de abril do 2012 Marcus Fernández

Os contidos de Código Cero están dispoñibles a través de Google Currents

O pasado mes de decembro Google publicou unha nova aplicación para dispositivos con Android e con iOS (como o iPad e o iPhone) chamada Google Currents, e que busca levar a smartphones e tablets as nosas publicacións favoritas que non conten cunha aplicación de seu, de xeito que os contidos de numerosas páxinas web, blogs e medios formatéase a xeito de revista para os nosos dispositivos móbiles, cunha interface moi semellante á que podemos ver con Flipboard, pero orientándose aos editores en vez de ás redes sociais.
Deste xeito, a través de Google Currents podemos subscribirnos a numerosas páxinas web que estean accesibles a través de fluxos RSS, a publicacións que teñamos configuradas en Google Reader e incluso a fluxos públicos de Google+, permitindo tamén atopar contidos que se adapten aos nosos gustos a través dunha ficha chamada Trending (que aparece cando queremos engadir unha publicación á aplicación).
Inicialmente esta ferramenta estaba limitada aos EE.UU., pero hoxe abriuse internacionalmente, de xeito que, entre outros contidos pode engadirse esta mesma publicación buscándoa como Código Cero (con acento), para poder consultar os seus contidos dun xeito cómodo e atractivo dende tablets e móbiles, sendo posible gozar dos contidos incluso cando esteamos fóra de liña.


Vídeo de presentación de Google Currents

PUBLICIDADE