Feijóo.tv: o Partido Popular tamén fai uso do vídeo para achegarse aos cidadáns

venres, 21 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O secretario xeral do PPdeG presentou esta mañá o novo espazo web de Alberto Núñez Feijóo, dende o que o candidato popular á presidencia da Xunta expón o seu ideario, os seus proxectos e as súas conviccións á cidadanía a través dunha serie de vídeos gravados en galego (aínda que a interface da web tamén se pode consultar en español).
Alfonso Rueda asegurou que «a nova páxina será un referente comunicativo en Galicia; será un novo espazo no que Feijóo falará directamente ao cidadán, a cada galego, en primeira persoa e de forma directa e clara» aínda que este proxecto baixo o nome de dominio feijoo.tv lembre nalgúns detalles ao equivalente que Anxo Quintana lanzou en setembro (quin.tv). Falta agora que entre nesta guerra dialéctica de vídeos o actual presidente do Executivo.
A web de Feijoo.tv reparte os contidos nas categorías de No Parlamento, No Partido, Cos Emigrantes e En Persoa, completando esta estrutura cunha ligazón ao seu blog persoal. O novo espazo virtual serve polo momento para que o líder da oposición denuncia a crise pesqueira ou a suba dos prezos, á vez que explica as súas motivacións para optar á presidencia da Xunta.
En vista de que na Rede xa comezou a pre-campaña poderiamos preguntarnos se estes serán os primeiros comicios galegos nos que a Internet xogue un papel decisivo ou se a baixa penetración da Internet na nosa poboación non lle permita tomar o peso que lle correspondería.

PUBLICIDADE