En marcha o programa de transformación Ourense Dixital Pemes

mércores, 3 de abril do 2024 S. P.

A Deputación de Ourense amosou a súa colaboración no programa formativo Ourense Dixital Pemes, destinado a impulsar a transformación dixital do tecido empresarial da provincia. Así o explicaron este 2 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa; o deputado de Novas Tecnoloxías, Xosé Miguel Pérez; e o presidente de ef Business School e do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), Venancio Salcines. Na xornada tamén participaron xerentes, directores e responsábeis de recursos humanos de pemes ourensás de entre 10 e 249 traballadores.
A iniciativa abrolla do programa estatal Generación Digital Pymes, financiado con fondos europeos Next Generation. "Trátase dun curso para que directivos e responsábeis de equipos de pequenas e medianas empresas poidan atender e desenvolver un plan de transformación dixital á medida das necesidades da súa empresa", sinalou Venancio Salcines.
Este plan formativo é impartido en Galicia polas entidades de formación CESUGA e ef Business School, e Ourense ocupa un lugar clave para liderar ese cambio dixital. Co obxectivo de chegar ao tecido empresarial do territorio, a Deputación asinou un convenio de colaboración coas entidades formativas devanditas para colaborar na promoción e difusión deste programa, de carácter gratuíto e en formato híbrido (online e presencial), entre as empresas destinatarias e os seus responsábeis de xestión.
Segundo sinalou Marta Nóvoa, “unha das máximas do Goberno provincial é promover o desenvolvemento sostíbel na provincia de Ourense a través de políticas públicas a prol da transformación dixital". Na procura dese obxectivo "sumámonos a dar visibilidade as vantaxes que ofrece este programa formativo gratuíto para que o maior número posíbel de pequenas empresas ourensás adquiran ADN dixital", engadiu, salientando a importancia da formación como ferramenta "clave" para afrontar os retos que marcan os novos mercados.

PUBLICIDADE