A enxeñeira informática Cristina Vázquez, CEO de Teimas, recibirá o Premio Ada Byron do CPEIG

luns, 22 de abril do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (o CPEIG) decidiu conceder o Premio Ada Byron, enmarcado na celebración da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de 2024, á enxeñeira informática Cristina Vázquez “polo seu liderado ao fronte de Teimas”, empresa punteira galega na aplicación da tecnoloxía á xestión de residuos, co seu correspondente impacto positivo na sustentabilidade, na concienciación medioambiental e na exportación de coñecementos e servizos de Galicia cara o mundo. O galardón entregarase no marco da dita Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o 21 de xuño.
Cristina Vázquez Muíño (Santa Comba, 1986) é socia da empresa Teimas e directora executiva (CEO) da compañía desde febreiro de 2024. Inicialmente estudou Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e, a continuación, Enxeñaría Informática, ambas titulacións na Universidade da Coruña (UDC). Tamén se formou como Executive en Desenvolvemento Directivo en 2021. “Sempre me fascinou crear cousas novas e encaixar pezas para resolver problemas, desde un crebacabezas a un Lego construción. Aínda que non tiven o meu primeiro ordenador ata ben entrada a adolescencia, o concepto da creación de software, que por aquel entón só vía nas películas, parecíame fascinante. Tamén cría naquel momento que prefería traballar con máquinas que con persoas. Visto agora con perspectiva, afortunadamente esa parte da expectativa non me saíu demasiado ben e puiden descubrir o enriquecedor que é colaborar, no só con equipos técnicos senón tamén con clientes e persoas doutras disciplinas, para construír produtos útiles” –lembra a enxeñeira–. Así, considerou que na rama da informática tiña varias cousas que encaixaban con ela, como eran a tecnoloxía, a creación de produtos desde cero e a contribución á solución de problemas en numerosos ámbitos.
En palabras do CPEG, “a xalleira Cristina Vázquez é un exemplo para as nenas e rapazas que están cursando os seus estudos de primaria e secundaria e que poden ter a inquietude de apostar polas carreiras STEM”, siglas de Ciencia, Tecnoloxía Enxeñaría e Informática. “O meu consello é que fagan o que realmente queiran. Eu era unha boa estudante e meus pais e o entorno recomendábanme que estudara medicina, pero eu non me vía exercendo esa profesión”, destacou, engadindo que estas disciplinas STEM ofrecen unha enorme gama de posibilidades para exercer e para evolucionar ou cambiar durante a vida laboral. Baixo o paraugas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, a enxeñeira explica que se reúnen moitas áreas imprescindíbeis para o mundo actual, pero tamén para deseñar e crear o mundo futuro. “As disciplinas STEM poden impulsar o progreso e o desenvolvemento en todas as áreas da sociedade e ofrecen oportunidades profesionais en constante demanda. Se penso en particular na informática, creo que o colectivo de profesionais é moi aberto, cunha gran comunidade e con numerosos grupos para compartir aprendizaxes. Aquí os retos e as oportunidades son constantes”, sinalan, apuntando que “iniciamos unha nova etapa na que agardamos dar solidez ao crecemento internacional, proporcionando as grandes empresas solucións dixitais para o control da información dos seus residuos e para cubrir as súas necesidades de maneira sinxela, sostíbel e rendíbel”.
Cristina Vázquez comezou a súa carreira profesional nunha consultora tecnolóxica, pero desde 2011 traballa en Teimas, empresa que crea e comercializa produtos software vinculados ao mundo dos residuos, situada en Santiago de Compostela. Debido ao seu perfil técnico, Cristina Vázquez ocupou o cargo de directora de operacións (COO) participando no deseño, creación e desenvolvemento de produtos software, ademais de formar parte de varios grupos de traballo con distintas empresas e administracións públicas. Tamén creou o equipo de éxito do cliente para comprobar de primeira man as inquietudes das empresas ás que dan servizo, e na creación da folla de ruta dos produtos da empresa, tendo a oportunidade de coordinar durante varios anos as áreas de negocio, produto e tecnoloxía para conseguir que estean aliñadas entre si e cos obxectivos da compañía. “Estes 13 anos en Teimas servíronme de preparación para a etapa como CEO que agora comezo. Inicio esta fase con moitísima ilusión e teño ao meu lado a un gran equipo, con moito coñecemento nas súas respectivas áreas. O reto é grande e tamén o entusiasmo”, indica.
Como CEO de Teimas, Vázquez centrarase en liderar o plan estratéxico da compañía, impulsar a dixitalización da cadea de valor do residuo en grandes corporacións a nivel nacional e internacional e en empresas xestoras de residuos, e potenciar a economía circular para protexer a saúde das persoas.
Cristina Vázquez recollerá a distinción na XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar a sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras/os en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.

PUBLICIDADE