Case 15.000 escolares galegos recibirán os ultraportátiles de ABALAR ao longo do mes de novembro

martes, 2 de novembro do 2010 Redacción

Logo de certos retrasos relacionados co aprovisionamento do material informático que constitúe unha das bases de ABALAR, a iniciativa do Goberno galego para dixitalizar as aulas do país semella que colle forza. De feito, será este mércores 3 de novembro cando se poña ao alcance da comunidade escolar o portal da iniciativa e, ademais, darase continuidade nas vindeiras semanas ao espallamento de ultraportátiles para os alumnos e mestres que comezou xa na recta final de outubro. Así o comunicou a Consellería de Educación ante os medios informativos no mediodía deste martes 2, cita cos xornalistas que lle serviu á Xunta para botar luz sobre algúns dos principais obxectivos de ABALAR, a curto e medio prazo: levar equipamento informático a 14.500 escolares a longo do mes de novembro e converter en dixitais (ao longo deste curso) máis de 700 aulas de 300 centros educativos do noso país.
O proceso virá acompañado da posta en marcha do portal-plataforma EspazoABALAR e incluirá entre outras cousas a achega masiva de equipos informáticos Inves Noobi 10. Os ultraportátiles darán acubillo a un sistema operativo Ubuntu 10.04 e á lingua galega como opción por defecto, manifestou a Xunta, que lembrou que nas vindeiras semanas complementarase esta opción coa achega doutros idiomas.
Na presentación de ABALAR participaron o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e máis o subdirector xeral de Sistemas Informáticos de Educación, Carlos Vázquez, quen fixo unha demostración práctica do funcionamento e recursos dispoñibles do portal de ABALAR.
Xesús Vázquez, amais de expor as obxectivos xenéricos da iniciativa, quixo salientar o carácter “ambicioso” da mesma, tanto no vieiro da modernización do sistema educativo como na modernización do país. “O noso obxectivo”, dixo, “é conseguir que ao rematar o curso 2013/2014 o alumnado de 5º e 6 º de Primaria e 1º e 2º de Secundaria dispoña do equipamento e formación para acadar a plena integración das novas tecnoloxías do coñecemento”. Para comezar, dixo, este curso escolar máis de 14.500 rapazas e rapaces de 5º de Primaria e 1º da ESO entrarán a formar parte desta iniciativa, o que supón a concorrencia de máis de 700 aulas de 300 centros educativos. En termos orzamentarios, puntualizou, estariamos a falar de máis de 12 millóns de euros para este ano académico, dos que máis do 60% proceden da Xunta.
Equipos ultraportátiles
Os equipos ultraportátiles Inves Noobi 10 que subministra a empresa galega Coremain constitúen un dos piares fundamentais do proxecto e en boa medida unha das facianas visibles. Estes ordenadores veñen equipados co máis recente sistema operativo Ubuntu (un dos máis empregados pola comunidade de usuarios e deseñadores de programación aberta) e, segundo informa a Xunta, incorporan o galego por defecto. O programa, con potencial de abondo como para permitir as mesmas funcionalidades (ou máis) cás dunha boa parte dos programas pechados, é unha das claves de ABALAR, posto que pola súa natureza aberta e participativa permite un abaratamento importante dos custes por mor das licenzas e unha meirande capacidade de adaptación ás necesidades dos usuarios. Xa nun plano técnico, o portátil conta cunha pantalla rotatoria e táctil. As aulas que van dar acubillo aos ultraportátiles estarán dotadas doutro equipo para uso docente, tamén con software libre e incluíndo programas educativos e de accesibilidade para “facilitar”, en palabras da Xunta “a integración das TIC sen ningún tipo de exclusión social”. Amais disto, as clases contarán cun encerado dixital táctil que permitirá “sesións máis interactivas” e cun proxector de distancia ultra-curta que evita as sombras sobre o dito encerado. Tamén se equipará as aulas cun armario de carga para amorear os ultraportátiles dos rapaces, “elemento que ademais ten a funcionalidade de ser empregado como reforzo multimedia”, e darase acubillo a un punto de rede Wi-Fi para garantir a boa conexión.
A iniciativa ABALAR, que xa incluíu a formación de 300 coordinadores TIC (proceso de educación ao que serán incorporados 2.500 profesores e as familias implicadas no dito proxecto), ten dende setembro en funcionamento unha aula piloto na sede de Educación, amais de cinco centros piloto, espazos dixitalizados, noutros tantos centros educativos. As aulas pioneiras serviron para ultimar o espallamento da iniciativa, “eliminando riscos e mellorando no posible os tempos e os traballos a despregar logo”. Amais de todo isto, déuselle corpo á plataforma EspazoABALAR, portal que se abre o mércores á comunidade escolar, incluíndo ás familias (que poden realizar seguimentos académicos en liña e máis establecer comunicación cos profesores, entre outras cousas).
A plataforma, posta en marcha para fomentar a participación cidadá no eido do sistema educativo (e tamén para reducir as cargas de traballo da Administración), incluirá un repositorio de contidos educativos dixitais de Galicia, ferramenta de xestión, difusión e uso de recursos educativos dixitais seleccionados pola Consellería de Educación, “que os axentes da comunidade escolar galega poderán compartir entre eles”, infórmase. Polo que respecta ás linguas da web, dicir que nun primeiro intre figurará unicamente na nosa lingua, concretou Educación, aínda que nas sucesivas melloras previstas (que contarán cun carácter continuo) está previsto a incorporación de castelán e inglés.


Xesús Vázquez anunciando os avances do proxecto ABALAR

PUBLICIDADE