Demoras na chegada dos primeiros computadores do proxecto Abalar

luns, 6 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

A chegada dos ordenadores do proxecto autonómico Abalar, destinados ao alumnado galego de Primaria e máis de Secundaria, non poderá formalizarse dentro dos prazos previstos para os colexios que participan no primeiro prazo do plan. Ou sexa, para estes días previos ao curso que comeza. As razóns disto estriban en atrancos de desenvolvemento dentro da cadea de fabricación emprazada en China, informou a empresa adxudicataria do proxecto, que está a espera de que se solucione este e outros problemas, como o da ruptura do stock mundial da pantalla multitáctil, un dos elementos clave dos equipos. Estes, tal e como fixo saber a Consellería de Educación, son un dos piares dos Centros Educativos Dixitais, ou, para que se entenda, da adaptación á nova realidade das novas tecnoloxías dos colexios galegos tradicionais, formalmente e de contido.
O departamento da Xunta, informa, xa lle demandou á compañía a “rápida solución ao problema”. De non darse este feito, “veríase na obriga de esixir as responsabilidades pertinentes”, sinala.
Lembrar que nesta primeira fase de desenvolvemento do programa estaba prevista a entrega de 15.000 ordenadores ultraportátiles nunha serie de centros educativos. Os trámites comezaron o 26 de marzo coa achega ao Diario Oficial da UE do anuncio de licitación. O 12 de abril publicouse no DOG e no BOE a licitación do subministro de netbooks por un importe de 4.875.000 euros. Entre o esixido por parte da Xunta estableceuse que o prazo de entrega sería de 45 días dende a sinatura do contrato. Con todo, o pasado xoves 26 de agosto a empresa fixo saber da imposibilidade de cumprir cos prazos requiridos, polo que se formalizou para o día 1 de setembro unha xuntanza entre os técnicos de Educación e os responsables da compañía coa finalidade de acadar novos calendarios e dar conta das raíces do problema. Na reunión, amais de afondar nas causas dos atrancos que motivaron o adiamento na distribución de computadores, a compañía responsable asumiu o desenvolvemento das xestións precisas de cara a acurtar no máximo posible os prazos de entrega.

PUBLICIDADE