A semana que vén celébrase na Coruña o Startup Weekend Galicia

xoves, 16 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Imaxe da primeira edición do Startup Weekend celebrada en Galicia

A partir do vindeiro 24 de febreiro, o Centro Ágora da Coruña acollerá unha nova edición do Startup Weekend Galicia, un evento que ao longo de 54 intensas horas dará pe á presentación de aplicacións web ou móbiles que poidan servir como base para a creación dun proxecto ou startup viable.
Durante toda a fin de semana, a cidade Herculina será o centro de encontro dun cento de persoas con diferentes habilidades ligadas ás TIC, tales como desenvolvedores, programadores, deseñadores, persoal de marketing, negocios... que traballarán xuntos en prol do desenvolvemento dunha idea viable susceptible de converterse en proxecto real.
O acto dará comezo a partir das 18:00 horas cunha breve presentación das persoas participantes, para dar paso, a partir das 19:00 horas, á rolda de exposición das ideas iniciais.
O guión a seguir achégase de xeito moi esquemático na web oficial do evento, onde se aclara que a presentación da idea inicial durará 60 segundos e só as ideas máis votadas pasarán á seguinte fase, a fase na que se forman os equipos que traballarán durante a fin de semana no desenvolvemento do proxecto. Ao longo de 2 días, os equipos de desenvolvedores, asesorados por mentores de primeiro nivel, traballarán coa idea inicial en base a crear un proxecto real, que deberán presentar en 3 minutos o último día.
Finalmente o xurado, formado por Jacobo Lázare, de Disco Azul; Luis Bermúdez, da Fundación E. U. De Relacións Laborais da Coruña; Wicho, de Microsiervos; e José María López Bourio de AGESTIC, decidirá, de entre os finalistas, aos gañadores desta edición.
Para participar, os organizadores recordan que hai que levar un ordenador portátil, tarxetas de visita para entregar aos posibles contactos, ideas, enerxía e sobre todo entusiasmo, e non desanimarse se unha idea non lle gusta aos mentores, pois “as recomendacións son só unha guía e o seu traballo é intentar sacar o mellor de cada proxecto”, aclaran.
As persoas que queiran participar e aínda teñan dúbidas acerca do funcionamento deste peculiar evento, poden atopar respostas vía Twitter, a través de @swgalicia, ou vía correo electrónico escribindo a galicia@startpuweekend.org.

PUBLICIDADE