CIBER.gal serviu para salientar a importancia da concienciación dixital na sociedade

venres, 3 de novembro do 2023 Redacción

Esta mañá na Cidade da Cultura desenvolveuse a segunda xornada do III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, evento no que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou a importancia da concienciación dixital na sociedade para crear un territorio conectado e seguro.
Corgos destacou esta nova edición de CIBER.gal, que consolídase como un referente tanto para profesionais do sector como para á sociedade, e manifestou o compromiso da Xunta de Galicia a favor da protección de datos e da divulgación sobre os perigos que entraña navegar na Rede.
Durante o encontro, o conselleiro mantivo un encontro cos finalistas da terceira edición do concurso escolar Ciberseguridade no cole!, un certame enmarcado no CIBER.gal que busca concienciar aos máis pequenos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno.
Nesta terceira edición resultaron gañadores os centros CPR Plurilingüe San Fermín de Pontevedra (na categoría de Primaria) e o IES de Foz (na categoría de Secundaria). Este ano Ciberseguridade no cole! acadou un récord de participación con máis de 6.600 escolares de 120 educativos rexistrados.
Pola súa banda, o director da AMTEGA, Julián Cerviño, foi o encargado de clausurar o encontro, no que destacou que a Xunta destinará en 2024 un total de 18 millóns de euros á ciberseguridade, en torno a un 30% máis que en 2023. O responsable da Axencia autonómica subliñou o esforzo da Comunidade para situarse á vangarda nesta tecnoloxía como unha das liñas de actuación da Estratexia Galicia Dixital 2030.

PUBLICIDADE