A galega Austen traballa nunha tecnoloxía low cost para facilitar a agricultura de precisión na nosa terra

venres, 3 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

O grupo galego Austen, do que falamos recentemente para informar das potencialidades das súas estacións agroclimáticas Siega System (especialmente deseñadas para previr pragas en cultivos e para facilitar o control de rego de terras a distancia), vén de anunciar que vai liderar un proxecto para desenvolver unha ferramenta de baixo prezo “que facilite a agricultura de precisión ao agricultor galego”. Trátase do proxecto AgroTool e baséase na tecnoloxía WSN (Wireless Sensor Network, unha rede con sensores autónomos distribuídos para controlar condicións físicas ou medioambientais). Segundo informa a empresa galega, a solución AgroTool supón a evolución natural de Siega, e incorpora auto recoñecemento de sensores e a programación en remoto.
“O proxecto dará como resultado unha solución intuitiva”, sinalan dende Austen, que engaden que será “de manexo e mantemento doados, permitindo controlar as plantacións desde o móbil, adaptando os consumos de auga ou fitosanitarios ás necesidades do cultivo, mellorando a calidade do produto e aforrando custos”.
O xerente de Grupo Austen, Felipe Sas Río, xunto ao director financeiro da firma, Ramón Sas; o responsábel do departamento de I+D da empresa, Alejandro Casteleiro, e a enxeñeira María Rodríguez, foron os encargados de presentar a solución ante os medios, este venres 3 de xaneiro en Ferrol. Segundo fixeron saber, AgroTool “contribuirá á modernización do campo galego a través da innovación, xa que fornecerá unha ferramenta low cost para facilitar a agricultura de precisión ao agricultor galego e permitirá afrontar con garantías o proceso de internacionalización das solucións intelixentes para agricultura que desenvolveu Austen”.
Foi Felipe Sas quen se encargou de explicar que estamos ante unha evolución natural de Siega System, sistema intelixente de xestión agrícola desenvolvido pola firma ferrolá, un sistema que permite controlar as plantacións desde o móbil ou computador, xa que mide parámetros como humidade ou temperatura, tantos como desexe o propietario da explotación. Lembrar que esta tecnoloxía envía cada cinco minutos información ao agricultor e alertas no caso de risco de enfermidades, co que permite anticipar solucións. A fase avanzada de Siega non é outra que AgroTool, unha adaptación do sistema previo á estrutura minifundista do agro galego. Deste xeito, Austen mellorará Siega en tres aspectos: reducindo custes, incorporando a función de auto recoñecemento (sensores con tecnoloxía Plug and Play) e permitindo a programación en remoto do software. Con respecto a último caso, a idea é evitar que os técnicos se teñan que desprazar fisicamente aos puntos nos que se instalen as estacións de AgroTool cando sexa preciso incorporar novos parámetros de medición. E, deste xeito, facilitarase a comercialización do produto máis aló das fronteiras galegas.
Grupo Austen, líder do proxecto, ten máis compañeiros de viaxe no mesmo, xa que lle acompañan as empresas Plexus (A Coruña) e CualiTic (Santiago); o Instituto Tecnolóxico de Galicia, e a Cooperativa Os Irmandiños. A Axencia Galega de Innovación, dependente da Xunta de Galicia, confirmaba o pasado mes o seu apoio á iniciativa concedéndolle unha subvención de 300.000 euros a través dos Programas Conecta PEME 2013. En total, o proxecto conta cuns orzamentos duns 653.000 euros.
Ramón Sas prevé que en xuño se testen as primeiras estacións AgroTool, aínda que o prazo temporal do proxecto remata en 2015. Segundo recordou, “será unha ferramenta baseada na tecnoloxía WSN facilmente integrable nos sistemas de xestión xa existentes nas PEME agrícolas; de doada instalación; de gran resolución espacial e temporal na mostraxe das variables de interese e que sexa quen de soportar un elevado número de sensores heteroxéneos”.
Como dixemos, no proxecto participa activamente a Cooperativa Os Irmandiños, unha das cooperativas agroalimentarias máis grandes da nosa terra e con presenza tamén en Asturias. Neste proxecto ofrecerá apoio externo á iniciativa como usuario potencial da solución. Realizará un seguimento das accións e resultados, exporá necesidades e cederá instalacións e explotacións para realizar pilotos demostrativos. Asemade, contémplase realizar a transferencia tecnolóxica ao sector, a través de accións de formación e difusión.

PUBLICIDADE