A Xunta e a Fundación Santa María La Real favorecerán a capacitación tecnolóxica de 200 persoas en risco

martes, 5 de marzo do 2024 S. P.

Este martes 5 de marzo presentouse o proxecto Hubs de activación para o emprego, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Fundación Iberdrola colaboran coa Fundación Santa María la Real co obxectivo de incrementar a formación e as oportunidades laborais para dous centenares de persoas vulnerábeis. Porase o foco na capacitación tecnolóxica.
Na presentación participou o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández. O programa, que se financia con fondos europeos, busca a activación profesional das persoas desempregadas en risco de exclusión. Terá o seu centro no Centro Integrado de Formación Profesional Santiago de Compostela, onde se desenvolverán as primeiras actuacións este 2024.
“Cos hubs”, indicou Fernández, “trátase de impulsar o apoderamento colectivo e individual, ofrecendo acompañamento ao emprego, activación e formación de carácter presencial ou dixital ás persoas que máis o necesitan”.
O proxecto diríxese a desempregados con dificultades de acceso ao mercado de traballo e en risco de exclusión e en situación de especial vulnerabilidade. Neste colectivo inclúense parados de longa duración, persoas con baixa cualificación, inmigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade, integrantes de fogares con todos os seus membros en desemprego ou de familias monoparentais.
Con esta iniciativa a Xunta aspira poder axudar a máis de 200 persoas e celebrar un cento de sesións de traballo durante sete meses con expertos en emprego verde sustentábel, tecnoloxías, mercado e tendencias laborais.
Os obxectivos específicos do programa pasan por incrementar o nivel de empregabilidade das persoas participantes a través dun adestramento práctico e intensivo en competencias transversais, demandadas polo mercado, incluídas as competencias verdes.
O secretario xeral subliñou que ademais se busca impulsar modelos de colaboración público-privados para loitar contra o desemprego e a exclusión social a través do estímulo e a procura de sinerxías do proxecto con outros proxectos, eventos, entidades, empresas, voluntariado corporativo etc.
O proxecto, que comezará este mes de marzo, concretarase na creación de lanzadeiras de emprego, iniciativas de capacitación dixital, formación para sectores de alta demanda, capacitación para o emprego verde e acompañamento. Prevese a súa continuidade en anualidades vindeiras ata 2027.
Un convenio asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e a Fundación Santa María la Real por valor de 56.477€ permitirá desenvolver o programa ao longo de 2024.

PUBLICIDADE