atlanTTic e Gradiant, no XXIV Foro Tecnolóxico de Emprego da UVigo que comeza hoxe

martes, 5 de marzo do 2024 S. P.

Este martes 5 de marzo comeza no Campus de Vigo a XXIV edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, que novamente reunirá ás futuras e futuros enxeñeiros co sector empresarial. Celébrase do 5 ao 7 de marzo de 2024 nas tres escolas de enxeñaría da Universidade de Vigo: Industrial, Minas e Enerxía, e Telecomunicación. O foro contará coa presenza de postos de máis de 40 empresas nos que as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos. O obxectivo é “brindar ao alumnado a oportunidade de establecer contacto directo cos seus futuros empregadores”. Haberá conferencias, obradoiros e simulacións de entrevistas, entre outras actividades. O evento contará co apoio de importantes organismos e centros de investigación. Por exemplo atlanTTic (UVigo) e o Centro Tecnolóxico Gradiant.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, estará novamente neste evento e contará cun posto informativo no que poderedes charlar directamente co noso persoal e coñecer as oportunidades laborais que ofrecemos. Terá stand de seu, o número 9, que estará situado no vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.
Ademais, atlanTTic ofrecerá un workshop o mércores 6 de marzo de 18:30 a 20:00 h. na aula T-109 da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET). No obradoiro Únete a atlanTTic e deseña as tecnoloxías do futuro! Impulsa a túa carreira profesional no eido das tecnoloxías de telecomunicación e os servizos dixitais poderás coñecer as oportunidades e vantaxes que ofrece a investigación para o desenvolvemento profesional. Con respecto a esta actividade formativa, atlanTTic anuncia que será de utilidade para coñecermos de primeira man a experiencia de antigas/os estudantes en diferentes etapas da súa carreira profesional. Participarán Miguel Álvarez Iglesias, xestor do Centro, Juan José López Escobar, investigador en redes avanzadas de comunicacións 5G & Beyond, Manuel Diz Folgar, investigador en sistemas aeroespaciais, e Carmen Valiñas Pereira, xestora de proxectos do grupo COM-atlanTTic (UVigo) e Em3Works. Segundo informa o centro de investigación da UVigo, “tentarase crear un espazo para o diálogo onde as persoas asistentes poderán dialogar co equipo de atlanTTic para resolver as súas dúbidas sobre as oportunidades laborais en carreiras técnicas”.
Gradiant
Como cada ano, un equipo de Gradiant estará no Foro Tecnolóxico de Emprego 2024 durante o Foro de Emrpego. Este evento que cumpre a súa XXIV edición é un dos máis importantes para o centro “xa que”, en palabras da dirección do mesmo, “supón unha excelente forma de ter unha primeira toma de contacto co alumnado das tres titulacións de enxeñería da Universidade de Vigo: E.E de Minas e Enerxía, E.E. de Industriais e E.E. de Telecomunicación”.
Parte do equipo de Gradiant trasládase estes días á Facultade de Enxeñería de Minas e Enerxía de Vigo. En Gradiant, aproveitarán as xornadas de encontros para poder mostrar “non só o que facemos e os perfís que adoitamos buscar, senón tamén todo o que ofrecemos ao noso equipo e a quen se une a el”.
Na primeira xornada do foro, ás 10.00, os investigadores da área de Seguridade e Privacidade de Gradiant imparten o obadoiro Innovando en ciberseguridade con Data Analytics.

PUBLICIDADE