A entidade galega AGESTIC, finalista nos premios Fundetec

mércores, 4 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

A recta final dos premios Fundetec, convocados cada ano pola entidade do mesmo nome co fin de recoñecer o traballo a nivel estatal a prol do afianzamento das novas tecnoloxías, terá presenza galega. Máis polo miúdo, a da Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), que resultou finalista na categoría de Mellor Proxecto de Entidade non Lucrativa destinado a Cidadáns. Os galardóns, que se entregarán o vindeiro 12 de febreiro nun acto que estará presidido polo Secretario de Estado de Telecomunicacións (Francisco Ros), sitúanse arestora entre o máis salientable a nivel de recoñecemento tecnolóxico en España. Para AGESTIC, informa a entidade nun comunicado, o feito de situarse na final significa “un gran trunfo como asociación ao servizo das empresas do sector galegas, amais dun orgullo como único representante da nosa terra neste certame”.
Por certo que a asociación concorre nos premios grazas ao seu compromiso xeral pola promoción das novas canles dixitais e, máis especificamente, pola súa iniciativa Nin máis nin menos, unha proposta inserida dentro do Plan Avanza que foi dirixida a fomentar a participación en liña das mulleres emprendedoras e autónomas.
O proxecto, que competiu con outros 41 (dos que só tres foron seleccionados como finalistas dentro da devandita categoría), contou coa colaboración de AGESTIC, a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA) e a Obra Social de Caixa Galicia. O 12 de febreiro é a data sinalada para dar a coñecer os gañadores do certame.
FUNDETEC é unha Fundación promovida polo Ministerio de Industria e a Entidade pública Red.es, que conta como patrocinadores a importantes empresas como Telefónica, Intel, HP, O Corte Inglés e Caixa Madrid, que premia anualmente as mellores iniciativas para estender a Sociedade da Información en España.

PUBLICIDADE